21/02/2013

Festexamos o entroido

Ricardo Acevedo e Ángel Cabrita/ 1º ESO A
--------------------------------------------
O día 8 de febreiro no cole festexamos o entroido.
Ao longo desa semana tivemos que cumprir o mandadiño do Meco que estaba sentado fronte á secretaría. Cada día poñíanlle unha cousa nova (gafas, toalla de praia, caldeiro e angazo, manguitos…) e ao día seguinte tiñamos que levala posta ao colexio.
Este ano o tema elixido para o entroido foi a auga e os disfraces tiñan que facer alusión a el.
Os nenos de Educación Infantil foron disfrazados de Bob Esponxa, os do 1º ciclo de Primaria de medusas, os do 2º ciclo de “cantando baixo a chuvia” e os de 5º e 6º de Primaria de oficios relacionados co mar.En Secundaria había moita variedade: bailarinas, presidiarios, osos, cabezudos...
Os disfraces estaban feitos con teas, cartolinas, bolsas de plástico reutilizadas, chuvasqueiros e paraugas que xa había pola casa…
Fomos todos ao Aral e alí desfilamos de menor a maior idade mentres o noso conserxe, Víctor, facía as presentacións e o coro e o conxunto instrumental do colexio interpretaba varias cancións.
Os nenos executaron moi ben as súas coreografías mentres soaba a canción de Bob Esponxa ou o Rías Baixas Style e incluso se repetiu algunha actuación a petición do público.

15/02/2013

30 de xaneiro: Día Escolar da Paz e a Non Violencia

Pedro Pintos / 1º ESO A
-------------------------------
Dende 1964 vense celebrando o 30 de xaneiro (aniversario da morte de Gandhi) o Día Escolar da Paz. Non o debemos confundir co Día Internacional da Paz que se celebra o 21 de setembro.
Entre as diferentes actividades relacionadas con esa conmemoración que se fixeron no CPI Covaterreña estivo a proxección da película “INVICTUS” que trata sobre o racismo en Sudáfrica e de como Nelson Mandela e a selección nacional de rugby serviron para unir ao país sen importar a cor da pel.
Tamén asistimos á actuación do coro do colexio. Os cantantes e os músicos eran alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO e interpretaron “Let it be” , “Color Esperanza” e algunha outra canción máis. Nese acto tamén se fixo entrega dos premios de relato curto “Dolores Agrelo” no que  resultaron gañadores José Manuel Pájaro (4º ESO), Sandra Pichel e Laura González (ambas as dúas de 3º de ESO).

10/02/2013

Nº 3 da revista "Primeiro Expreso"

Aquí vos deixamos a portada que recolle algúns titulares de noticias publicadas no blog ao longo deste cuadrimestre.




Entrevista aos tres finalistas da II Gala do Deporte

Alumnado 1º ESO A e B
--------------------------
Entre os 12 finalistas nominados a mellor deportista de base da II Gala do Deporte de Baiona están os compañeiros do CPI Covaterreña Alberto Martíns (2º ESO A) , Laura Soto (3º ESO B) e Jorge González ( 2º ESO B) que practican ciclismo, fútbol, atletismo e vela. Dende Primeiro Expreso quixemos saber máis sobre a súa adicación á vida deportiva a través desta entrevista e aproveitamos para felicitalos por este recoñecemento.

1. Cantas horas adestras a diario?
- Alberto: Entre dúas ou tres horas.
- Laura: Entre dúas e tres horas.
- Jorge: Dous días á semana. Os días festivos tamén aproveito.

2. Por que che gusta tanto este deporte?
- Alberto: Porque desde pequeno foi o deporte que máis practiquei.
- Laura: O atletismo porque é un deporte no que dependo de min mesma e poño a proba a miña resistencia e velocidade. O fútbol e o fútbol sala gústanme porque aprendo a traballar en equipo e cada un achega o mellor de si.
- Jorge: Ao principio entrei por entrar, pero gústame porque case toda a miña familia é mariñeira.

3. No futuro pensas deixalo ou adicarte profesionalmente a el?
- Alberto: Penso adicarme profesionalmente a el.
- Laura: Profesionalmente, sempre que poida compaxinalo coa carreira que estude.
- Jorge: Eu quero seguir, pero coa crise é difícil.

4. Cantos anos levas practicándoo?
- Alberto: Levo practicando o ciclismo oito anos.
- Laura: En fútbol levo tres anos, en fútbol sala levo once e en atletismo, dous.
- Jorge: Este é o meu terceiro ano.

5. É moi duro o deporte que practicas?
- Alberto: Si.
- Laura: En xeral todos os deportes requiren moito sacrificio e adicación.
- Jorge: Si, hai que facer moito esforzo para colgar con vento, cazar… Tamén é duro levar o barco, subilo… 

6. Hai algunha competición ou campionato que lembres de forma especial?
- Alberto: O campionato de España, despois de saír de 60 acabei no posto vixésimo segundo.
- Laura: Si, o torneo de fútbol que disputei en Valencia coa Selección Galega e os Cross Internacionais de Atapuerca e Elgoibar.
- Jorge: Si, unha que fixen moi ben en Ponferrada que quedei de segundo.
7. Cal é a túa dieta diaria?
- Alberto: Como moita pasta, carne, peixe, froita e procuro non tomar “languchadas” e doces.
- Laura: Simplemente procuro seguir unha dieta equilibrada, destacando a pasta.
- Jorge: Teño unha dieta normal.
8. Como imaxinarías a túa vida sen o deporte?
- Alberto: Pois nunca ma imaxinei, desde os tres anos ando na bicicleta e nunca o deixei nin penso deixalo.
- Laura: Non son capaz de imaxinala xa que o deporte forma parte do meu día a día.
- Jorge: Pois gordo, sen poder disfrutar.

9. Es moi competitivo?
- Alberto: Si, teño moito nervio á hora de competir.
- Laura: Sempre dou o mellor de min, pero sen deixar atrás o compañeirismo.
- Jorge: Si, hai que ser competitivo para gañar.

10. Ademais do deporte, tes outras afeccións?
- Alberto: Gústanme os bolos celtas.
- Laura: Si, saír coas amigas, a música…
- Jorge: Ir cos amigos.

11. Quen ou que te animou a practicar este deporte?
- Alberto: Animoume moito meu pai. Un día díxome que había un club de ciclismo en Monteferro e desde alí sempre me animou e tamén contribuíu nos meus adestramentos.
- Laura: Miña nai, que dende pequena me ensinou que non hai deportes para nenos e deportes para nenas, que o deporte é universal, e que se quería podía.
- Jorge: Meu pai e a miña nai que me insistían de pequeno, pero eu non quería ir ; dábame un pouco de medo. Despois dalgúns anos quitóuseme o medo.

01/02/2013

Deu que falar en 2012

Antía Alonso e Lurdes Quintela / 1º ESO A
---------------------------------------------
O ano 2012 deixou unha chea de palabras descoñecidas antes para a maioría da xente pero que, debido á súa difusión nos medios de comunicación, xa nos resultan totalmente familiares. Algunhas delas son:
- Curiosity: foi o robot enviado a Marte pola NASA e grazas ao que vimos o aspecto dese misterioso planeta.

- Banco malo: é aquela entidade financiera á que se transferirán os activos tóxicos dos outros bancos.

- Códice Calixtino: é un libro valiosísimo datado no século XII, e que un día do verán do 2011 foi roubado da catedral de Santiago de Compostela. 
 
- Salto estratosférico: Felix Baumgartner fixo con éxito o seu salto estratosférico, un salto de 36.000 metros dende a estratosfera. 
- Eccehomo: Cecilia Giménez non podía imaxinar o problema que ía ocasionar cando acometeu a restauración dun fresco nunha igrexa de Borja (Zaragoza). 
- Whatsapp: agora xa non se envían SMS, mándanse “whatsapps”. Esta aplicación descargouse 50 millóns de veces dende a súa creación en 2009.
- Gangnam Style: a canción do cabalo interpretada polo surcoreano PSY (Park Jae-sang) acadou millóns de visitas en youtube. Por suposto que nós quedamos coa versión da terra "Rías Baixas Style".

Regreso da carabela La Pinta a Baiona

Gabriela Vilar  / 1º ESO B
-------------------------------
Dende 1994 no peirao de Baiona hai unha réplica da carabela La Pinta que xa se converteu nun símbolo da nosa vila e que axuda a que nos visiten moitos turistas.
Pero durante catro meses o lugar que ocupa no porto estivo baleiro. O motivo é que se estaba reparando no mesmo taller que a construíu, os estaleiros Xoaquín Castro da Guarda.
Nesa restauración do buque substituíuse a madeira da cuberta principal, aplicouse unha capa de líquido protector, imprimacións seladoras e dúas capas de pintura lacada. As varandas da cuberta tamén se cambiaron por outras máis acordes co deseño do navío.
Estes e outros amaños custaron arredor de 52000 euros.
As reparacións fanse necesarias cada cinco anos debido á humidade e ao vento que deterioran moito a embarcación.
A renovada copia do buque chegou a Baiona tripulada polos Reis Magos e os nenos estiveron encantados de recibilos.