26/10/2012

Tempo de Samaín, cabazas e outras larpeiradas

Ana Quintas e Lurdes Quintela / 1º ESO A
------------------------------------------
O Samaín é unha festa de orixe celta que se celebra na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro para celebrar que remata o verán e comeza o inverno. O cristianismo converteu a festa no Día de Todos os Santos e Defuntos e a xente recorda os seus mortos.
Noutras culturas os nenos disfrázanse e piden caramelos polas casas, fanse festas e decóranse as casas con cabazas, sendo este un símbolo moi representativo desta festa, coma as pantasmas ou as bruxas e os morcegos.
No noso colexio ás veces os máis pequenos fan disfraces. Tamén nos levan á biblioteca para contarnos historias de medo. Algún ano houbo concursos de cabazas e todas eran moi bonitas, coas súas caras tan terroríficas. Este costume provén das candeas que poñían os celtas nas caveiras dos inimigos co obxectivo de asustar os espíritos malignos.
A min paréceme unha celebración moi bonita porque todos o pasan ben decorando as cabazas e xogando cos amigos.
Esta tradición levaba tempo esquecida pero nos últimos anos foise recuperando grazas ao traballo de diferentes colexios e concellos. Aquí vos deixamos algunhas ideas para sumarvos a esta tradición.

 

Como facer unha cabaza de Samaín?

Para facela precisas unha cabaza, un coitelo e unha culler. Primeiro tes que cortarlle a parte de arriba á cabaza para poder baleirala (o recheo podes aproveitalo para facer algunha receita). Logo córtaslle co coitelo o que será a cara (os ollos, o nariz e a boca) para que pareza o máis terrorífica posible. Cando remates tes que meterlle dentro unha candea para que se vexa de noite dende lonxe e dea máis medo.

Chulas de cabaza

INGREDIENTES: ( para 4-6 persoas) 
1 kg de polpa de cabaza, 200 gr de fariña, 250 gr de azucre, 6 ovos, aceite de xirasol  e sal.

PREPARACIÓN:
Cocer a cabaza cortada en anacos grandes en auga con sal ata que estea tenra (uns 10-15 minutos). Sacala e poñela nun coador grande e escorrela ben.
Cando se enfríe un pouco, esmagar a cabaza coa man para que solte a maior cantidade de líquido posible. Bater os ovos co azucre e mesturar isto coa fariña.
Engadir a cabaza e triturar todo coa batedora ata conseguir unha masa líquida homoxénea.
Quentar aceite abundante nunha cazola baixa ou tixola e ir fritindo pequenas doses da masa botándoas no aceite cunha culler. Cando estean ben fritidas, sacalas e deixalas sobre un prato ou unha fonte cuberta con papel de cociña para que perdan o exceso de aceite.
Servir tépedas, con azucre glas e/ou canela.

Sem comentários:

Enviar um comentário