23/10/2013

A VOLTA CICLISTA CHEGA A BAIONA

Lucía Rodal e Laura Varela / 1º C
---------------------------------------------
A volta ciclista a España xurdiu no ano 1935. Nos seus comezos só tiña 14 etapas, na actualidade é unha competición ciclista anual de 21 etapas que se desenvolve polas estradas de España, en verán. Ao longo da súa historia son moitos e de distintas nacionalidades os gañadores desta competición, entre eles destacamos: Alberto Contador , Vicenzo Nibali , Samuel Sánchez , Alejandro Valverde , Roberto Heras, Tony Rominguer…
Nesta competición, os gañadores recoñécense polas súas camisetas: 
-Vermella: líder de clasificación xeral por tempos. 
-Puntos azuis: líder da clasificación de montaña. 
-Verde: vestida polo líder de clasificación de puntos. 
-Branca: vestida polo líder de clasificación combinada. 
-Amarela: vestida polo líder da clasificación da xeral.
Este ano, é dicir, na volta a España 2013, participaron en total 21 equipos, algúns deles son: RadioShack-Leopard, La Mandiale, Fdj… A volta comezou en Vilanova de Arousa e rematou en Madrid e tivo como gañador a Nicolas Roche. A segunda etapa, que se disputou toda ela en terras galegas, igual cá primeira e terceira, iniciose en Ponteareas e rematou no Monte da Groba (Baiona). Todo o mundo estaba esperando que chegase á nosa vila este acontecemento deportivo. Multitude de persoas vían as televisións, consultaban os teléfonos para saber onde estaba o pelotón en cada momento. A través da televisión chegábannos imaxes aéreas dos concellos de Tui, O Rosal, A Guarda; incluso das terras portuguesas da outra beira do río Miño. Os primeiros en chegar foron os motoristas. Viñan coas bandeiras verdes, despois coas amarelas. Xa chegaban!
Pero, aínda faltaban as vermellas, ata que ... por fin entrou a segunda etapa en Baiona.
Subiron a toda velocidade cara ao Monte da Groba. Diante de nós pincharon unha roda e en décimas de segundos cambiárona. Non había tempo que perder. Os ciclistas avanzaban costa arriba animados pola xente e así, no medio dunha grande espectación, foron cruzando a meta, o primeiro clasificado foi Nibali.

21/10/2013

As novas esculturas do noso barrio

José María Mur e Gustavo López Leyenda / 1º ESO B
-------------------------------------------------
Seguro que moitos xa vistes unhas esculturas que hai por Baiona feitas de ferro e aceiro. Son as esculturas con que Michele Lescure, unha pintora que residiu varios anos en Baiona ata que morreu este ano o 23 de febreiro, adornou a nosa vila.
Na praza dos Tendais hai 8 esculturas dunha serie chamada “Fauna metálica” porque son animais feitos con ferro e outros metais. Lamentablemente algunha das esculturas da praza foi roubada a primeira noite pero xa a atoparon.
Tamén hai unha escultura dela diante do pavillón de deportes, ao lado do colexio Cova Terreña. Chámase “Abstracción xeométrica”, ten forma cilíndrica, mide dous metros de alto e está feita con aceiro inoxidable e cun motor eléctrico que lle permite moverse.

16/10/2013

De excursión en Manzaneda

Claudia Mariño e Ana Fernández Pereira / 1ºESO B
-----------------------------------------------------
O día 19 de xuño, os alumnos de 6º dos centros CPI Covaterreña e CEIP de Belesar fomos de excursión a Manzaneda.
Polo camiño fixemos moitas paradas. A primeira foi en Ourense, onde demos un paseo pola ponte do Milenio e fixemos varias fotos. Máis tarde fomos cara á fonte das Burgas. Paramos nun parque no que estivemos xogando nunha pirámide enorme e nun tobogán. Cando chegamos á fonte tocamos a auga que estaba fervendo, ao carón da fonte había unhas augas termais nas que había moita xente. Continuamos o camiño e pasamos pola catedral, logo fomos comer unhas pizzas boísimas.
Cando chegamos ao noso destino, Manzaneda, o primeiro que fixemos foi ir ós dormitorios deixar as maletas. Despois baixamos facer as actividades: uns béisbol e outros escalada. Ía moitísimo frío e estaba comezando a chover así que o grupo de escalada non a puido facer e foron a unha sala a practicar nós mentres que os de béisbol estaban no pavillón a xogar. Cando rematamos, ceamos e logo  preparámonos para a discoteca, onde o pasamos moi ben.
Ao día seguinte fixemos moitas actividades. Montamos a cabalo e o instrutor mandounos dar voltas e poñernos de pé no cabalo. Nos karts demos voltas a unha pista e algúns chocaron contra o monitor e contra as rodas que facían de parede.
Chegou o último día e todos estabamos tristes porque non queriamos marchar. Pola mañá fixemos sendeirismo. Despois de xantar o autobús xa estaba preparado, pero antes fomos á tenda de agasallos e mercamos moitas cousas. Tamén fixemos varias paradas: unha para mercar bicas e outra na Cañiza, onde comemos uns bocatas de xamón que estaban boísimos.

10/10/2013

Presentación 2013/14

Jaime Estévez Moreira / 1º ESO B
-----------------------------------------
Este ano no noso curso, 1º da ESO do CPI Covaterreña, somos 55 alumnos e alumnas. Algúns vimos doutros centros, coma eu, que estudei Primaria no CEIP Belesar, pero xa nos coñeciamos da excursión a Manzaneda que fixemos en 6º.
Este ano no Proxecto Interdisciplinar seguiremos contándovos as cousas que sucedan no colexio, falaremos sobre festividades importantes e trataremos temas de actualidade.
Paréceme entretido e interesante que poidamos facer isto e mostrar á xente os nosos traballos e as nosas ideas a través deste blog.
Estivemos lendo os traballos dos compañeiros do ano pasado e paréceme que fixeron un excelente traballo, pero nós imos facer todo o posible por facelo tan ben coma eles!


17/06/2013

Nº 4 da revista "Primeiro Expreso"

Aquí vos deixamos a portada que recolle algúns titulares de noticias publicadas no blog ao longo deste cuadrimestre.

16/06/2013

Banco de libros de texto

Carmen Rocha / 1º ESO B
-------------------------------
A ANPA do CPI Covaterreña está a traballar na creación dun banco de libros.
Este proxecto vai dirixido a todas as familias do alumnado que estuda neste colexio e axudará a diminuir os gastos económicos de cada ano na compra de libros de texto.
Pódense doar os libros de anos anteriores sempre que estes sigan en vixencia. Non se entregarán os libros das materias suspensas xa que o alumno necesitaraos para o curso seguinte.
Os libros de ESO recolleranse o día de entrega de notas. En caso de suspender algunha materia  poderán doalos na entraga de notas da convocatoria de setembro.
Á hora de establecer o reparto de novos libros,  entregaranse un a cada participante neste banco de libros e cando todos os rapaces teñan un, empezaranse a repartir o segundo libro e así sucesivamente.
A ANPA anima moi especialmente ao alumnado de 4º de ESO porque eles van ser especialmente solidarios entregando os seus libros sen recibir nada a cambio.
Eu penso que isto é unha moi boa iniciativa porque así axudámonos entre todos. Eu estou disposta a colaborar porque así non teño que mercar todos os libros e axudo a que outra persoa tampouco teña que facelo.

O curro de Mougás

Xavier Rodríguez / 1º ESO B
------------------------------
O día 9 de xuño fíxose o curro de Mougás. Había moita néboa e por iso ao principio quería suspenderse, pero despois de media hora de incertidume, o presidente decidiu facelo xa que se cadra non lle daban permiso para repetilo o domingo seguinte.
Este ano non escapou ningún cabalo da carruaxe aínda que no cordón escaparon moitos e ao final entrou pouco gando.
É unha pena que esta tradición desapareza debido á crise e a obrigación de poñer chip a todos os cabalos que están no monte.

13/06/2013

Quality Coast Gold Award 2013 para Baiona

París Vaqueiro / 1º ESO A
----------------------------
O Premio Quality Coast 2013 recaeu no concello de Baiona. Había máis de 1000 lugares candidatos a ser seleccionados e os tres gañadores foron ás Illas Azores (Portugal),  Pafoz  (Chipre) e Baiona.
Este galardón valora a conservación do  ecosistema mariño, o patrimonio natural e cutural, a beleza natural e a oferta turística e a seguridade. Tamén se valora a beleza natural e a calidade medioambiental.
O obxectivo deste premio é fomentar o desenvolvemento sostible nos destinos costeiros.
Esta noticia paréceme moi importante para a miña vila xa que traerá máis turismo e as nosas praias son moi bonitas e merecen este recoñecemento.

Sen palabras

Ana Quintas / 1º ESO A
-------------------------


Obradoiro de Matemáticas e Ligamats

Pablo Varela e Sergio Álvarez / 1º ESO B
----------------------------------------------
O alumnado de 1º de ESO fomos a Vigo a un obradoiro de matemáticas no que había un montón de actividades: facer debuxos con espellos, xogos de habilidade mental, unha especie de xogo de Tetrix, resolver operacións con calculadora, xogos de estatística, resolver problemas de lóxica e, a máis difícil, un xogo de tangram.
Ademais da excursión de pola mañá, algúns alumnos foron á Fundación Barrié de la Maza para participar no concurso de Ligamats. As probas foron bastante difíciles.
O equipo de 1º ciclo da ESO estaba formado por Lurdes de 1ºA, Ismael e Noelia de 2º e eu (Sergio de 1º B).
Había catro actividades e unha hora para facelas. Tres delas eran quebracabezas como Tangram, Hexamantes e Pentacubos, ademais dunha adiviña complexa na que nos daban pistas sobre tres persoas e tiñamos que adiviñar de que traballaban, que deporte practicaban... As actividades eran bastante difíciles pero conseguimos pasar á seguinte fase. De sete grupos, só  pasaron tres.
A final pareceume moito máis fácil que a primeira fase. Eu terminei o Tangram e un problema en pouco tempo, e os compañeiros terminaron rápido as outras fichas. A profesora incluso se sorprendeu da velocidade con que o fixeramos.
Qudedamos de terceiros e regaláronnos un libro e quebracabezas do estilo do Tangram.
Foi unha actividade divertida e disfrutei moito con ela. O próximo ano imos ir a polo primeiro posto!