18/10/2015

1º ESO C: para que nos coñezas máis.

Vera Bernárdez / 1º ESO C
-----------------------------------------
Este curso para nós comezou a LOMCE e tivemos que escoller unha materia optativa. E aquí estamos, estreando o Obradoiro de Expresión Escrita en Lingua Galega. Somos un grupo de cinco rapaces que este curso nos encargaremos do blog "Primeiro Expreso".  A todos nos gusta facer cousas no noso tempo libre.
A un gústalle moito o taekwondo e practícao dende 1º de Primaria porque cando entrou no colexio viuno no folleto de actividades extraescolares. Foi probalo e engancharse a esa actividade.
A outr@ encántalle xogar ao fútbol e lévao facendo dende os tres anos. Está no Erizana, que é o equipo de Baiona. Gústalle porque vai cos amigos e descarga moita adrenalina.
A outr@ tamén lle gusta o fútbol e practícao dende os tres anos, porque de pequen@ ía ver ao seu irmán adestrar e xogar partidos.
A outr@ gústalle correr, e faino dende sempre pero tamén sabe xogar moi ben ao balonmán. Ademais tamén le moito, sobre todo relatos de aventuras.
E a outr@ gústalle facer vela e está nun equipo de regatas co que gañou o campionato galego. Practica vela dende os oito anos e cando entrou no equipo gustoulle moito que o agasallaran cunha camiseta e un suadoiro do club. Faino porque se sente libre e encántalle o mar.

14/06/2015

Esculturas de area na praia

Carlos Vilas  / 1º ESO A
------------------------------
O 29 de maio fixemos un traballo coa profesora de Plástica que consistía en facer unha escultura de area en 3 dimensións. 
Primeiro tivemos que facer un bocexo en grupo. Eu formaba grupo con Olga, Aldara e Judy.
O proxecto realizámolo na praia da Ribeira, ata a que fomos andando. Nada máis chegar, a profesora deunos os datos necesarios para facer o traballo como por exemplo dicirnos canto tempo tiñamos para facelo. Cando iamos pola metade do traballo encontrámonos co problema de que a marea subía. Tivemos que facer unha especie de muralla que rodeara a nosa escultura e grazas a iso, e a un pouco de sorte, conseguimos terminala. De feito fixemos máis: un xeado de cono, un xeado de tarro e dúas caras sorrindo.
A min a actividade gustoume moito xa que puiden traballar en equipo e ademais na praia.

Nº 8 da revista "Primeiro Expreso"




31/05/2015

Animais raros e tamén favoritos

Alumnado 1º ESO A e B

No Día das Letras

Germán González Pereiro /1º ESO A
----------------------------------------
Para celebrar o Día das Letras Galegas fixéronse no colexio certas actividades: actuaron os rapaces do coro da ESO, en primaria fixeron maios, nós na aula traballamos coa palabra máis fermosa, que consiste en que cada alumno escolla unha palabra e xustifique a súa elección.
A data de celebración deste evento, o 17 de maio, débese a que en tal día coma ese, en 1863, publicouse en Vigo o primeiro exemplar da obra Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, que marcaría o inicio do Rexurdimento ou renacemento cultural do galego.
O Día das Letras celébrase dende 1963 e naquela ocasión adicóuselle a Rosalía de Castro. Este ano o homenaxeado foi Xosé Fernando Filgueira Valverde.
Hai que ter en conta que se esixen uns criterios mínimos para escoller o autor, como que polo menos transcorreran dez anos dende o seu falecemento. Quen decide o homenaxeado é a Real Academia Galega.
Outro escritor que me resultou a min coñecido foi Eduardo Pondal, homenaxeado
en 1965. Coñézoo porque teño lidos poemas seus.

10/05/2015

O cubo de Rubik

Pablo Vázquez / 1º ESO B
---------------------------------
Este cubo de seis caras tamén é coñecido como o cubo máxico. Consiste en pór cada unha das súas caras dunha soa cor. As cores que o forman son vermello, azul, branco, amarelo, laranxa e verde. O seu creador é o húngaro Ernô Rubik, de aí o nome do xogo.
Foi nomeado o xoguete do ano en 1980 e dende que se creou vendéronse máis de 350 millóns de exemplares. Iso si, da marca orixinal, posto que hai moitísimas imitacións.
Hai moitas variantes deste cubo: de 3x3, de 4x4, de 5x5, 6x6, 7x7, 8x8 e de 9x9. Mesmo doutras formas que non sexan cubo.
O récord mundial para facelo está en 5.25 segundos; o meu é de 47 segundos. Aprendín a facelo coa axuda do meu irmán. Aínda que non me sei os pasos de memoria, pero hai veces
parecen repetidos.

A Arribada este ano

Sara Aldegunde  / 1º ESO B
--------------------------------------
A festa da Arribada celébrase en marzo. Non todos os anos é o mesmo día, este por exemplo cadrou os días 7 e 8.
Celébrase dende hai moitos anos e conmemora a chegada da carabela Pinta ao porto de Baiona coa noticia do descubrimiento de América.
Na Arribada hai postos de comida típica e véndese artesanía. Pola tarde soe haber pasarrúas, músicos, xograres e xogos para os nenos, coma o rocódromo, tiro con arco e cervatana ou colchoneta. Os dous xogos que máis destaron este ano foron o rapel e a tirolina de 82 metros na que eu subín. Tamén había carro tirado por ponis e dromedarios. Pola tarde fun ver a representación de cando Pinzón chegou a Baiona.
Outras festa históricas deste tipo que se celebran en Galicia son a Feira Franca de Pontevedra, a da Reconquista en Vigo ou a Festa da Istoria de Ribadavia.

Obradoiro de Matemáticas

Laura Diego / 1º ESO B
--------------------------------
O día 4 de marzo fomos todos os alumnos de 1º A e B a un Obradoiro de Matemáticas que se fixo en Vigo. Acompañáronnos as profesoras Andrea Piñeiro e Cristina Conde.
Para chegar ata alí tivemos que subir nun ascensor enorme onde cabían nunha soa vez 25 dos 50 alumnos que iamos. A min deume un pouco de non sei que, eagobieime un pouco.
Unha vez na sala onde se faría a actividade, deunos a benvida o director do taller. Despois repartímonos en grupos e cada un deles foi facendo as actividades de cada apartado.
As tarefas eran moi entretidas e divertidas, case todas eran de lóxica, de pensar. A min a actividade que máis me gustou foi a dos tangrans aínda que algunhas figuras custoume un pouco conseguilas, pero ao final, coa axuda da monitora, logreino.
Só tivemos tempo de ir a 5 obradoiros xa que tiñamos que irnos para chegar a tempo ao colexio. Cando xa estabamos preparados para marchar, unha das monitoras deunos uns agasallos. Despois subimos ao autobús e emprendemos a viaxe de volta ao cole.
A min esta excursión gustoume moito porque, aínda que non me gustan moito as matemáticas, paseimo moi ben e aprendín moitas máis cousas delas e ata me paracen algo máis divertidas.

25/03/2015

Unha depuradora con material de refugallo

Olga Álvarez/ 1º ESO A
---------------------------------
A idea de facer unha depuradora caseira xurdiu do noso libro de Ciencias Naturais. A nosa profe Natalia decidiu facelo a modo de exemplo, por se o queriamos facer na casa.
Para facer este experimento precisabamos tres botellas de plástico, carbón activo, area, algodón, tesoiras, dous recipientes limpos, auga e unha varilla. Primeiro collemos as tesoiras e recortamos as botellas pola metade e despois fixemos buracos no tapón da botella.
Para a súa montaxe, primeiro poñemos un dos recipientes, logo unha parte da botella cun pouco de algodón dentro, colocamos outra media botella encima da que xa tiñamos e metémoslle area dentro. A continuación poñemos a outra parte da botella enriba da que xa tiñamos e engadimos carbón activo. Finalmente botamos na primeira botella auga que ensuciamos con cinzas, papeis e outros residuos. Segundo vai pasando a auga, vaise descontaminando porque toda a sucidade se queda no carbón activo, na area e no algodón.
Este experimento serve para depurar a auga pero que a auga estea depurada non é o mesmo ca que estea potabilizada, é dicir, non se pode beber aínda que si podes utilizala para regar ou lavar.

11/03/2015

Entroido 2015

A festa do Covaterreña

Andrea Pintos /1º ESO A
----------------------------------
O día 13 de febreiro fixemos o que xa vén sendo unha tradición: a festa do entroido no pavillón municipal de Baiona. O tema deste ano era a luz, aínda que tampouco era obrigatorio seguilo.
Os nenos de Educación Infantil foron disfrazados de pequenos Einstein, os de 1º e 2º ciclo de Primaria foron de estacións e os de 3º ciclo de lámpadas, candeas, electricistas da empresa “Penosa”...
Na ESO cada clase elixía o disfrace pola súa conta. Os de 1º da ESO B vestíronse dos diferentes personaxes da película Avatar, e nós, os de 1º A, fomos de famosos, os de 2º de ESO de personaxes animados e os de 3º de superheroes.
O noso disfrace foi moi sinxelo e non facía falta mercar nada, chegaba con coller roupa da casa. Ainhoa, Alejandra e eu disfrazámonos de Sweet California e só tivemos que comprar algunhas cousas para o pelo. Foi unha mágoa que non nos puxeran a música que tiñamos escollida para desfilar!

O entroido de Verín

Carlos López Padrón/1º ESO B
---------------------------------------
O Entroido de Verín é unha celebración moi famosa en Galicia que tamén se coñece no resto de España.
O que máis chama a atención é o Cigarrón de Verín, xa que os galegos téñenlle bastante respecto e é un traxe moi peculiar. A xente di que eran os antigos cobradores de impostos.
O traxe é caro e pode custar arredor duns 1600€ para un rapaz coma min ou uns 2600€ para un adulto. Eu vístoo cada entroido, pero a pena e que só se pon 3 días ó ano, unhas 6 horas cada día. O traxe enteiro pesará uns 20 kg de media.
A min o Entroido encántame porque saio cos amigos e disfrázome. Tamén me gustan as atraccións que hai.