22/02/2015

Entrevista a algúns dos premiados no Certame Literario "Dolores Agrelo"

O certame literario “Dolores Agrelo” é un concurso no que hai que escribir un relato curto e a temática ha de ser a paz. O seu nome débese á muller que cedeu as terras nas que hoxe está o noso colexio.
As bases que se deben cumprir para participar neste concurso son: o conto ten que estar escrito en lingua galega, debe ter tres páxinas mínimo e dez máximo e o tema ha de ser a paz. Este concurso está dirixido ao terceiro ciclo de Primaria e o primeiro e segundo ciclo de Secundaria.
Os premios entréganse o día 30 de xaneiro e teñen un valor para mercar material escolar de 60€ o 1º, 50€ o 2º e 40€ o 3º premio. Este ano o primeiro premio do 1º ciclo da ESO gañouno Candela Gil Pereira (1º ESO B) cun relato titulado “Desexo Paz”, o segundo premio foi para Pablo Pérez Blach e Daniel Vidal González (1º ESO A) cun relato titulado “O avaro” e o terceiro premio gañouno José María Mur Martínez (2º ESO B) cun relato titulado “Legado da paz”.
Esta é a entrevista que lles fixemos aos nosos compañeiros premiados de 1º da ESO.

PREGUNTA: De que trata o voso relato?
RESPOSTA CANDELA: Trata dunha nena que non entende que noutros países haxa guerras, así que desexa poñerse no corpo das persoas que fan a guerra, descobre os seus pensamentos e o que senten no corazón ao facer a guerra. Neses corazóns non hai máis ca sede de sangue e destrucción.
RESPOSTA PABLO E DANIEL: Trata dun home millonario que é moi avaro e racista e ao que un día visitan tres pombas da paz (que é sempre a mesma porque hai crise) e lle ensinan a ser boa persoa.

P: Resultouvos doado escribilo?
CANDELA: Si, resultoume bastante fácil redactalo xa que está basado no que eu penso e no que días antes saíu nas novas.
PABLO E DANIEL: Non, porque nos tivemos que xuntar varios días e ás veces non se nos ocorría nada.

P: Axudouvos alguén?
CANDELA: Si, unha vez feito o relato miña nai leuno e, como non chegaba ás tres páxinas, deume algunha idea para engadir algo polo medio.
PABLO E DANIEL: Non, fixémolo sos.

P: Gustouvos como vos quedou?
CANDELA: Si, gustoume porque é unha historia moi bonita e sobre todo porque unha parte do relato é o que penso eu.
PABLO E DANIEL: Si, a verdade é que estamos moi satisfeitos co resultado.

P: Canto tempo vos levou escribilo?
CANDELA: Levoume un día redactalo e outro día pasalo xa que fun engadindo cousas a medida que escribía.
PABLO E DANIEL: Levounos unhas catro horas.

P: Que foi o máis divertido?
CANDELA: A parte que máis me gustou facer foi a portada porque non sabía como representar o relato nun debuxo.
PABLO E DANIEL: As ideas que tivemos ao principio para facer unha parte divertida.

P: Como vos inspirastes para facer a historia?
CANDELA: Inspireime no que eu penso sobre a guerra.
PABLO E DANIEL: Fomos dicindo ideas ata que unha nos gustou.

P: Pensabades que tiñades posibilidades de gañar?
CANDELA: Non, este ano parecíame moi difícil gañar xa que competía cos de 2º da ESO.
PABLO E DANIEL: Sabiamos que había moita competencia e que había moita xente que escribía moi ben e non estabamos seguros de se iamos gañar.

P: Canto era o diñeiro do premio?
CANDELA: Gañei o primeiro premio polo tanto o meu importe foi de 60 euros.
PABLO E DANIEL: Nas bases poñía que eran 50 euros pero por recortes quedaron en 45 euros.

P: En que ides gastar o diñeiro?
CANDELA: Gasteino nun libro, nun rotulador permanente, nunhas témperas, en arxila, nun bloc de materiais para facer manualidades, nun estoxo... e xa non me lembro de nada máis.
DANIEL: Comprarei algún material escolar, material de debuxo e algún libro.
PABLO: Gastareino nos libros obrigatorios, se sobra algo, en material escolar.

P: Cambiarades algo das normas do concurso?
CANDELA: Non, creo que están ben.
PABLO E DANIEL: Non, non cambiariamos nada.

P: Participaredes o próximo ano?
CANDELA: Si, participarei porque é moi divertido facer as historias para que a xente que as lea e se emocione ou se ría léndoas.
PABLO E DANIEL: Si, o próximo ano participaremos e intentaremos gañar o primeiro premio.

06/02/2015

Nº 7 da revista "Primeiro Expreso"

Aquí vos deixamos a portada que recolle os titulares das noticias publicadas no blog ao longo deste cuadrimestre.

29/01/2015

A pesca submarina, un deporte diferente

Daniel Vidal / 1º ESO A
------------------------------
A pesca submarina é o meu deporte favorito. Consiste en capturar peixes somerxéndote baixo da auga sen axuda de bombonas de aire. Practicalo non é tan doado como parece xa que os peixes con calquera mínimo son ou ruído, espántanse e foxen.
Para fecernos máis fácil o labor utilízase un fusil ou arpón de gomas ou aire comprimido. O mecanismo é moi simple: as gomas estíranse ata a barra afiada e unha peza interna impide que saia disparada. Ao mover cara a atrás o gatillo, a peza móvese e deixa saír a barra. Tamén levamos posto un traxe de neopreno xa que o mar está moi frío, lentes de mergullo, tubo de silicona para poder respirar mirando abaixo e non ter que sacar a cabeza, un puñal no nocello para cortar as redes ou cordas nas que poidamos quedar enleados, unha boia para sinalizar a nosa posición no mar e protexerse dos barcos e motoras, percha, que é un fío cunha punta nun estremo para gardar o peixe, e unha rede para gardar os peixes de pel moi dura e os crustáceos.
Hai xente que se adica a isto profesionalmente, como Pedro Carbonell, que gañou varias veces o campionato do mundo. É capaz de baixar 40 metros ou máis e entre as súas mellores capturas están os atúns, congros e peixes espada.
Este deporte apaixóname xa de ben pequeniño. Chamoume a atención porque eu ía todos os días ao mar a bañarme e esperaba polo meu curmán, que ía facer mergullo,e cando volvía rogáballe que me deixara acompañalo. A miña primeira inmersión foi con el da man.

Propósitos para o novo ano

Sergio Coello / 1º ESO B
-------------------------------
Estas festas de Nadal transcorreron bastante ben e pasei moito tempo cos meus familiares.
O cambio de ano nótase por exemplo nos anuncios da televisión porque os produtos que se anuncian non son os mesmos: no Nadal os anuncios eran de xoguetes, perfumes, rebaixas, comida típica desas datas... e agora están enfocados aos propósitos que as persoas teñen para o ano novo. A xente pretende adelgazar, deixar de fumar, cambiar de seguro, etc.
Neste ano novo eu pretendo estudar máis no colexio, axudar máis na casa e comportarme o mellor posible cos meus compañeiros, familiares e amigos. Tamén quero deixar de "fuchicar" tanto no móbil, centrarme nos estudos e así mellorar neste 2015.

11/01/2015

O universo nas nosas mans

Mihaela  Nechifor/ 1º ESO B
-----------------------------------
O día que dixo a profe de Ciencias que podiamos construír unha maqueta do Sistema Solar eu apunteime a facela. Axudoume Paola, unha compañeira de 1º A que xa fixera o seu traballo.
Vouvos dicir o material que precisei eu para facer o traballo: un cartón e unha cartolina grande negra, para o fondo; unha bóla de poliespán grande para o sol; cola e papel de periódico reciclado para os planetas; tesoiras e acuarelas.
Primeiro cortei o cartón e preparei a cartolina negra para pegala no cartón. Despois fixen os planetas e as órbitas.
O que me resultou máis difícil foi facer os planetas e o máis divertido foi cando Paola e mais eu nos pringamos as mans de cola e quedáronnos pegadas.
Aprendín moitas cousas porque tiven que buscar información sobre todos os planetas para saber o seu tamaño e a súa cor.
Con todos os traballos que fixemos montamos unha exposición nun corredor do colexio.


08/12/2014

Excursión a Vigo

Zaira Barreiro / 1º ESO A
----------------------------------

O noso magosto

Paula Novoa / 1º ESO B
--------------------------------
O pasado día 11 de novembro no CPI Covaterreña celebramos o magosto, unha festa na que xeralmente se comen castañas asadas, pero nós, para darlle máis diversión, tamén fixemos algúns xogos populares e un concurso de doces de outono.
A festa comezou ás 12.20 da mañá aínda que os que participaron no concurso “Cova Chef” tiveron que baixar antes, a colocar nas mesas do pavillón do cole os biscoitos, tortas, bombóns e demais larpeiradas.
Cada clase tiña asignado un xogo para explicalo aos nenos que querían xogar a el. Había a corda, a pita cega e moitos máis.
O concurso de cociña “Cova Chef” gañouno Judy Rodríguez, unha alumna de 1º A que fixo unha torta de chocolate, kit kat e arandos. Eu non a probei pero se gañou supoño que estaría boa. Había moitas máis sobremesas, tamén cunha pinta boísima como uns bombóns de castañas cubertos de chocolate, ou unha torta de castañas con noces e chocolate. O que sempre ten que haber nun magosto son as castañas asadas, que non faltaron e se ías ao pavillón xa chas daban.
Eu paseino moi ben no meu primeiro magosto neste colexio, xa que estiven todo o tempo cos meus amigos e a festa durou bastante.

19/11/2014

Enredando en internet

Pablo Pérez / 1º ESO A
-----------------------------
Internet é unha gran rede de información e comunicación. Acostumo empregalo a cotío para buscar información, xogar, ver vídeos en YouTube...
Antes non había ordenadores, en cambio agora emprégaos case todo o mundo.
Eu vouvos contar algunhas curiosidades de internet. Por exemplo, todas as páxinas comezan por “www” que significa World Wide Web (Rede Informática Mundial) e poden acabar por dominios diferentes como: .com, .es, .org, .net... Cada país ten un dominio diferente ao que lle corresponde algún significado. Así,  .com inicialmente empregábase para calquera empresa ou actividade comercial, .es é para as páxinas españolas, .org resérvase para as organizacións e institucións, .net refírese a calquera páxina relacionada coas tecnoloxías...Tamén hai o dominio .gal para o ámbito da cultura galega.
Non debemos esquecernos da arroba “@” que en informática significa “en”, resultado da tradución do inglés. Sempre está nos enderezos electrónicos para unir o usuario e o servidor que emprega, sendo os máis coñecidos hotmail e gmail.

04/11/2014

Os Premios Nobel

Candela Gil  / 1º ESO B
---------------------------

Os Nobel son uns prestixiosos premios que se entregan ás persoas que destacan en diferentes campos como por exemplo a Física, Química, Literatura, Paz ou Medicina.
Hai varias teorías para xustificar que para as Matemáticas non haxa premio, destacando sobre todas a de que non lle gustaban nada a quen os creou, que foi Alfred Nobel.
Este sueco enriqueceuse grazas a que inventou a dinamita pero, vendo o uso que se lle estaba dando ao seu invento, sentiuse culpable e no seu testamento mandou que os beneficios dos seus negocios se adicaran a estes premios. Tamén influíu que lera unha noticia que saíu nun xornal francés que o daba por morto e que dicía que non a súa morte non era unha grande perda xa que só inventara cousas malas.
Os premios Nobel outórganse dende o ano 1901. Aos galardoados danlles un importe de 10 millóns de coroas suecas, ademais dun diploma e unha medalla. Entréganse o día 10 de decembro en Estocolmo, menos o de Literatura, que se dá en Oslo.
En todos estes anos, sete españois resultaron galardoados. Entre eles están Santiago Ramón y Cajal, Severo Ochoa, Juan Ramón Jiménez e Vicente Aleixandre. Ademais a organización da Cruz Vermella recibiu tres veces o premio.
Este ano o Nobel da Paz foi para  Malala Yousafzai, unha rapaza paquistaní de tan só 17 anos que leva loitando polo dereito das mulleres á educación dende que era pequena e que por esa causa recibiu un balazo na cabeza e case morre, e  Kailash Satyarthi, da India.

27/10/2014

Casas diferentes

Susana Marcote / 1º ESO B
----------------------------------
Non todas as casas son iguais, hai partes do mundo nas que son diferentes ao que estamos acostumados a ver.
No lugar onde vivo, as casas pódese dicir que son normais. Hainas máis grandes, máis pequenas, máis altas, máis baixas... Non son todas da mesma cor: unhas son brancas, outras amarelas, laranxas, grises... e algunhas son de pedra. Hai algunha que outra casa abandonada, e algunhas están reformadas aínda que levan moitísimos anos feitas (incluso séculos e tamén varias xeracións).
Para min unha casa ''ideal'' sería unha que tivera dormitorios grandes, con ventás tamén grandes, unha cociña mediana, un baño con bastante luz, un salón amplo e con boa iluminación, cunha TV grande e cun pequeno xardín.
Noutras partes do mundo hai iglús, que son unhas vivendas feitas de xeo e neve. Adoitan ter forma de semicírculo e éntrase por unha especie de túnel. A súa estancia principal é de 3m de altura e 5m aproximadamente de diámetro. Non son moi grandes, pero non están mal, o malo é o frío.

Unhas casas algo curiosas son as casas tradicionais de Islandia; os tellados son de céspede e as súas paredes ou muros poden ser de palla. É moi probable que se ves estas casas dende o aire, as confundas cunha bonita paisaxe e parecen saídas dun conto.

En Turquía, na rexión da Capadocia, hai cidades milenarias subterráneas. Teñen 1400 anos de antigüidade e foron construídas e ampliadas durante varios anos por cristiáns que escapaban da persecución sufrida nesas terras e, grazas a túneles de ventilación ben disimulados, podían albergar a centos de persoas  e animais durante varias semanas. Hoxe en día é un atractivo turístico é, por máis sorprendente que pareza, varios dos seus túneles continúan sendo utilizados como depósitos.