08/04/2014

Concurso Ligamats

Claudia Mariño / 1º ESO B
-------------------------------
Un mércores de marzo, un grupo de nenos ( Ana, Mauro González, Sergio e mais eu), unha proba que comezaba ás 4.
Cando subimos polo ascensor grande chegamos a unha sala onde un home nos explicou o que tiñamos que facer. Primeiro déronnos un sobre onde tiñamos que poñer o nome de cada membro do grupo, o do colexio e pegar unha das 6 etiquetas co nome composto por números e letras que tiña escrito o sobre, todo isto para que ao corrixir as probas non soubesen de quen eran. Ao comezar a proba déronnos 5 follas e comezamos a pegar en cada unha a etiqueta correcta. A primeira folla consistía nun problema matemático do que se encargou o noso compañeiro Sergio; outra folla era de tangram, e colleuna Mauro; outra era de pentacubos, esa escolleuna Ana; e as restantes eran dunha mesma proba que escollín eu, e que consistía en facer 6 cans cos pentominós, iso si cada can con alomenos un pentominó distinto.
Ao rematar a hora e media que nos deran para completar a proba, tiñamos feita a folla do problema, dous dos tres tángrams, catro dos cans e a folla dos pentacubos feita, pero non correcta de todo. Fómonos da Fundación Barrié contentos polo que conseguiramos. Ao día seguinte, no colexio, a profe que nos acompañou comunicounos que pasaramos á seguinte fase. O seguinte mércores fomos facer a segunda proba, que foi un pouco máis complicada. Consistía en facer unha folla dun problema, máis complexo que o da outra fase, outros tres tángrams, tamén máis complexos, unha folla de pentacubos e outra folla dunha frecha que tiñamos que facer con hexamantes.
Esta fase púxome máis nerviosa por tres cousas: a proba era máis complicada, estábannos gravando cunha cámara que case nos tocaba as cabezas do preto que nola poñían e tamén porque só pasaramos 4 grupos de 16 que participaran.
Ao rematar a proba fixeramos o problema, a frecha e dous tángrams. Ao saír estaba contenta , e máis o estiven cando ao día seguinte descubrín que quedaramos no segundo posto. Na entrega de premios que se realizou o venres contáronnos chistes matemáticos, faláronnos de bolsas, fixeron xogos de matemáticas e, por último, houbo a entrega de premios.

1 comentário:

  1. Sodes uns cracks! Noraboa polo resultado pero sobre todo as miñas felicitacións pola redacción da noticia. Transmite moitas sensacións. Seguide así. Bicos. Merce.

    ResponderEliminar