08/12/2014

O noso magosto

Paula Novoa / 1º ESO B
--------------------------------
O pasado día 11 de novembro no CPI Covaterreña celebramos o magosto, unha festa na que xeralmente se comen castañas asadas, pero nós, para darlle máis diversión, tamén fixemos algúns xogos populares e un concurso de doces de outono.
A festa comezou ás 12.20 da mañá aínda que os que participaron no concurso “Cova Chef” tiveron que baixar antes, a colocar nas mesas do pavillón do cole os biscoitos, tortas, bombóns e demais larpeiradas.
Cada clase tiña asignado un xogo para explicalo aos nenos que querían xogar a el. Había a corda, a pita cega e moitos máis.
O concurso de cociña “Cova Chef” gañouno Judy Rodríguez, unha alumna de 1º A que fixo unha torta de chocolate, kit kat e arandos. Eu non a probei pero se gañou supoño que estaría boa. Había moitas máis sobremesas, tamén cunha pinta boísima como uns bombóns de castañas cubertos de chocolate, ou unha torta de castañas con noces e chocolate. O que sempre ten que haber nun magosto son as castañas asadas, que non faltaron e se ías ao pavillón xa chas daban.
Eu paseino moi ben no meu primeiro magosto neste colexio, xa que estiven todo o tempo cos meus amigos e a festa durou bastante.

19/11/2014

Enredando en internet

Pablo Pérez / 1º ESO A
-----------------------------
Internet é unha gran rede de información e comunicación. Acostumo empregalo a cotío para buscar información, xogar, ver vídeos en YouTube...
Antes non había ordenadores, en cambio agora emprégaos case todo o mundo.
Eu vouvos contar algunhas curiosidades de internet. Por exemplo, todas as páxinas comezan por “www” que significa World Wide Web (Rede Informática Mundial) e poden acabar por dominios diferentes como: .com, .es, .org, .net... Cada país ten un dominio diferente ao que lle corresponde algún significado. Así,  .com inicialmente empregábase para calquera empresa ou actividade comercial, .es é para as páxinas españolas, .org resérvase para as organizacións e institucións, .net refírese a calquera páxina relacionada coas tecnoloxías...Tamén hai o dominio .gal para o ámbito da cultura galega.
Non debemos esquecernos da arroba “@” que en informática significa “en”, resultado da tradución do inglés. Sempre está nos enderezos electrónicos para unir o usuario e o servidor que emprega, sendo os máis coñecidos hotmail e gmail.

04/11/2014

Os Premios Nobel

Candela Gil  / 1º ESO B
---------------------------

Os Nobel son uns prestixiosos premios que se entregan ás persoas que destacan en diferentes campos como por exemplo a Física, Química, Literatura, Paz ou Medicina.
Hai varias teorías para xustificar que para as Matemáticas non haxa premio, destacando sobre todas a de que non lle gustaban nada a quen os creou, que foi Alfred Nobel.
Este sueco enriqueceuse grazas a que inventou a dinamita pero, vendo o uso que se lle estaba dando ao seu invento, sentiuse culpable e no seu testamento mandou que os beneficios dos seus negocios se adicaran a estes premios. Tamén influíu que lera unha noticia que saíu nun xornal francés que o daba por morto e que dicía que non a súa morte non era unha grande perda xa que só inventara cousas malas.
Os premios Nobel outórganse dende o ano 1901. Aos galardoados danlles un importe de 10 millóns de coroas suecas, ademais dun diploma e unha medalla. Entréganse o día 10 de decembro en Estocolmo, menos o de Literatura, que se dá en Oslo.
En todos estes anos, sete españois resultaron galardoados. Entre eles están Santiago Ramón y Cajal, Severo Ochoa, Juan Ramón Jiménez e Vicente Aleixandre. Ademais a organización da Cruz Vermella recibiu tres veces o premio.
Este ano o Nobel da Paz foi para  Malala Yousafzai, unha rapaza paquistaní de tan só 17 anos que leva loitando polo dereito das mulleres á educación dende que era pequena e que por esa causa recibiu un balazo na cabeza e case morre, e  Kailash Satyarthi, da India.

27/10/2014

Casas diferentes

Susana Marcote / 1º ESO B
----------------------------------
Non todas as casas son iguais, hai partes do mundo nas que son diferentes ao que estamos acostumados a ver.
No lugar onde vivo, as casas pódese dicir que son normais. Hainas máis grandes, máis pequenas, máis altas, máis baixas... Non son todas da mesma cor: unhas son brancas, outras amarelas, laranxas, grises... e algunhas son de pedra. Hai algunha que outra casa abandonada, e algunhas están reformadas aínda que levan moitísimos anos feitas (incluso séculos e tamén varias xeracións).
Para min unha casa ''ideal'' sería unha que tivera dormitorios grandes, con ventás tamén grandes, unha cociña mediana, un baño con bastante luz, un salón amplo e con boa iluminación, cunha TV grande e cun pequeno xardín.
Noutras partes do mundo hai iglús, que son unhas vivendas feitas de xeo e neve. Adoitan ter forma de semicírculo e éntrase por unha especie de túnel. A súa estancia principal é de 3m de altura e 5m aproximadamente de diámetro. Non son moi grandes, pero non están mal, o malo é o frío.

Unhas casas algo curiosas son as casas tradicionais de Islandia; os tellados son de céspede e as súas paredes ou muros poden ser de palla. É moi probable que se ves estas casas dende o aire, as confundas cunha bonita paisaxe e parecen saídas dun conto.

En Turquía, na rexión da Capadocia, hai cidades milenarias subterráneas. Teñen 1400 anos de antigüidade e foron construídas e ampliadas durante varios anos por cristiáns que escapaban da persecución sufrida nesas terras e, grazas a túneles de ventilación ben disimulados, podían albergar a centos de persoas  e animais durante varias semanas. Hoxe en día é un atractivo turístico é, por máis sorprendente que pareza, varios dos seus túneles continúan sendo utilizados como depósitos.

12/10/2014

Presentación curso 2014/15

Paola Di Pietro Alar / 1º ESO A
--------------------------------------
Xa comezou un novo ano no CPI Cova Terreña. O meu curso é 1º da ESO, tamén é o curso doutras 50 persoas divididas en dúas clases: A e B.
Somos moitos pero levámonos ben. A maioría estudamos Primaria no Cova Terreña e outros fixérono no CEIP Belesar pero xa nos coñeciamos todos.
Na ESO todo cambia: os horarios, as materias, os profesores... Sen dúbida o que máis me gusta de todo son as Ciencias da Natureza. Na miña casa leo moito, por iso outra cousa que me gusta son os libros de lectura que nos mandan. No Proxecto Interdisciplinar teremos a oportunidade de converternos en xornalistas e informar á xente sobre excursións, actividades...
Espero que este ano poidamos chegar a ser tan bos como os nenos do ano pasado, que o fixeron xenial. A entrada que máis me gustou foi a de “E ti quen ves sendo?" de José María Mur.
Este proxecto paréceme moi interesante porque poderemos investigar sobre moitos temas diferentes. A min gustaríame escribir sobre autores, animais e lugares interesantes de Baiona.

Nº 6 da revista "Primeiro Expreso"

06/06/2014

Isto acábase!!

Alumnado de 1º C
-------------------------------------

Acábase o noso tempo para escribir, acábase a nosa hora de PIN, botaremos de menos estar aquí.
Foi o noso primeiro ano en ESO e esta materia foi unha experiencia nova e divertida na que puidemos expresar as nosas ideas. Esperemos que os que veñan a disfruten
tanto coma nós e que aproveiten o tempo, xa que de pronto dáste conta, de que as cousas  pasan e que só tiveches unha oportunidade.
Esta materia foi nunha maneira de relaxarse das outras  porque podiamos falar e traballar co  ordenador.  Pero non é só diversion, tamén hai que investigar

E con lágrimas nos dedos de escribir despedímonos de PIN .

            

04/06/2014

A moda das pulseiras elásticas

Javier Español / 1º ESO A
----------------------------
As pulseiras de gomas elásticas foron creadas no ano 2010 en EE.UU.  pero chegaron a España no ano 2013. O inventor  foi un enxeñeiro que as facía para as súas fillas.
Para tecelas utilízanse unhas gomiñas que se poden comprar nos quioscos por un euro pero a xente prefire compralas nas tendas dos chineses xa que hai máis variedade e ademais é máis económico.
Estas pulseiras fanse cruzando gomas coa axuda dunha pinza ou dun garfo e cando chegas ao final tes que pórlle un pequeno gancho e unilo co comezo.
Eu aprendín a facelas a través de YouTube e tardo en rematalas 5 minutos aproximadamente. Hai xente que fai algunhas máis largas e incluso figuras, osos, flores...
Eu teño dúas: unha é azul claro e branco, que son as cores do meu equipo preferido, o Celta; e outra é negra e branca. Non acostumo levalas xa que para adestrar sácoas e logo esquézome de poñelas de novo.

26/05/2014

E ti de quen vés sendo?

José María Mur / 1º ESO B
-------------------------------------
Ultimamente co recente éxito que está tendo a película de “Ocho apellidos vascos” estase falando moito dos tópicos que hai sobre os habitantes das diferentes Comunidades Autónomas de España.
Os tópicos son ideas estereotipadas dun lugar común que non debemos ter en conta.
Acostuma dicirse que os vascos son uns brutos, os cataláns uns agarrados ou os madrileños uns chulos... e se escribes en Google "os galegos / cataláns /vascos son..." xa cho completa el con eses tópicos que non se corresponden coa realidade.
Pero a miña “burrada favorita” é a definición que ten a palabra GALLEGO no Diccionario da Real Academia Española que o pon como sinónimo de parvo en Costa Rica ou de tatexo no Salvador e iso enfádame moito, pois eu son un galego.
Pero non so hai tópicos sobre as Comunidades, senón tamén de toda España e mesmo nalgunhas guías de viaxe aparecemos como se todos durmiramos a sesta, nos gustasen os touros ou comeramos tortilla de patacas a diario.
O que aprendín disto é que non podemos xulgar a todos por igual, cada persoa é diferente aínda que viva nun lugar común.

Entre dous mundos

Cristina Miniño / 1º ESO B
-----------------------------------
Non sei se algunha vez o pensastes pero hai países ou cidades que pertencen a dous continentes ou a dous países. É algo curioso, verdade? Por exemplo España está en dous continentes: en Europa e en África.
O máis curioso é que hai cidades que están entre dous continentes como por exemplo Estambul (a metade da cidade está en Europa e a outra metade pertence a Asia).
As fronteiras serven para marcar os límites dun país, continente, comunidade, etc. doutro. Esas fronteiras poden ser naturais (montañas, ríos) ou artificiais (liñas imaxinarias).
Tamén hai cidades que pertencen a dous países, como Baarle que é unha cidade metade holandesa metade belga. Algunhas das súas casas, comercios ou xardíns están nun país e outras, noutro. Nas rúas hai unhas cruces brancas pintadas sobre o asfalto que marcan as fronteiras. A pertenza de cada casa a Holanda ou a Bélxica depende do lado no que estea a porta. No caso da que a cruz que marca a fronteira caia na metade da porta, a vivenda terá dous enderezos postais e pagará impostos onde queira.