02/03/2012

O entroido no CPI Covaterreña

Uxía Penedo, Sandra Rodríguez e Mara Ferreira / 1º ESO
-------------------------------------------------------------
O pasado 17 de febreiro celebrouse no colexio a festa do entroido. A partir das once os alumnos disfrazáronse e despois tiveron un recreo especial. Logo concentráronse todos no patio principal para ir saíndo por orde cara ao Aral.
O tema elixido para este ano foi "Londres 2012".
O acto, presentado por Víctor, comezou coa entrega da antorcha olímpica na que estiveron representados todos os cursos do colexio. Despois desfilaron os nenos de Educación Infantil, que ían disfrazados de Garda Real Británica, e os do 1º ciclo de Primaria, que ían de deportistas. No 2º ciclo as profesoras transformáronse en Mary Poppins e o alumnado en limpadores de chemineas e no 3º ciclo había ximnastas, nadadoras, ciclistas coas súas propias bicicletas e futbolistas coa equipación de adestramento.
Entre o alumnado da ESO podíanse ver zombies, ratiñas, curas e monxas… así como grupos de zancudos e cabezudos. Tamén houbo moitos profesores que se disfrazaron e un grupo deles escenificou unha carreira das olimpíadas gregas.
Antes de volver ao centro todos bailaron coa música do coro e o conxunto instrumental.

Como se celebra noutras partes do mundo?

Carla Cividanes e Laura Ruíz / 1º ESO B
-----------------------------------------
O entroido é unha celebración, con data variable, que se fai antes da coresma cristiá e que combina elementos coma os disfraces, os desfiles e as festas pola rúa.
Os entroidos máis coñecidos do mundo son o do Brasil e o de Venecia.
Brasil: os centros máis importantes son as cidades de Recife, Salvador da Bahía, Río de Janeiro e Sao Paulo. No entroido brasileiro desempeñan un rol central as escolas de samba e os blocos, conxuntos moi elaborados de danza, música e canto, que desfilan polas rúas.
Venecia: os traxes que utilizan son característicos do ano 1750 e abundan as carautas brancas con roupaxe de seda negra e sombreiro de tres puntas. Despois de 1972 fóronse sumando outras cores aos traxes aínda que as máscaras seguen sendo, na súa maioría, brancas, prateadas e douradas.
En Galicia as festas máis coñecidas fanse na provincia de Ourense. Localidades coma Verín, Xinzo de Limia, Viana do Bolo ou Laza énchense de visitantes para ver en directo os choqueiros, peliqueiros, cigarróns, boteiros e pantallas.

1 comentário: