30/03/2016

Jimena Gil / 1º ESO C
----------------------------------
O entroido no noso cole é todo un espectáculo, non sabedes o divertido que é, todo o mundo disfrazado! Nós todos os anos eliximos un tema para disfrazarnos, ou senón o centro pon un tema en común, aínda que en secundaria somos máis de tema libre.
Unha semana antes de todas as celebracións en secretaría ponse un boneco chamado Meco que cada día fai un mandado. Este ano o Meco mandou pór unha gravata, os ollos pintados, un gorro e uns lentes. A miña clase, 1ºC, disfrazámonos de bonecas, peluxes, bebés e algún que outro animal.
Cando todos os pais e familiares están sentados e listos para rir un pouco, comezan a saír os nenos pequenos e fan un desfile para mostrar os seus disfraces. Por último entramos os de Secundaria mentres toca o conxunto instrumental do noso cole. Cando todos están sentados sae toda a rapazada a bailar e cando todas as actuacións rematan, o entroido prosegue dentro do colexio e fóra, polas rúas de Baiona.

O trompo magnético

Vera Bernárdez / 1º ESO C
-----------------------------------

Hai uns días unha amiga trouxo á escola por erro un trompo magnético que mercara na típica tenda chinesa, probeino e encantoume. Nesa mesma tarde quedei cuns amigos e merquei un. Estiven toda a tarde xogando. Pregunteilles a algúns mestres que é o que fai que saian luces e a conclusión foi que ten unha dínamo no seu interior e que coa enerxía que xenera ao rodar polo ferro produce luces de diferentes cores: canta máis velocidade leve o trompo, máis variedade de cores mostrará.
Está composto por dous imáns nos extremos e no interior leva unha batería que xenera a electricidade, todo suxeitado por resortes e cunha dínamo rodeándoo. Por fóra está todo protexido con plástico, para ser máis resistente e que non rompa.
Na miña clase xa é bastante popular porque xa o temos tres persoas, outra vaino mercar e os demais compañeiros pídeno para xogar con el. Hai de varias cores e de varios tipos. O que eu teño custoume 3,90 euros mentres pero se o queres con música xa é máis caro.

03/02/2016

No Faro de Vigo

Jimena Gil / 1º ESO C
-----------------------
Para a excursión ao Faro de Vigo saímos  do colexio ás dez e chegamos sobre as dúas da tarde.
A guía ensinounos un documental da historia dese diario, dende o primeiro número que saíu á venda ata o dese mesmo día, ese mércores.
O Faro de Vigo é un edificio bastante moderno e cheo de cuartos con ordenadores e máquinas de impresión. A guía que durante a visita nos explicou todo, respondeunos a todas as nosas dúbidas e ensinounos todo, ata o primeiro periódico que fixera a empresa e que está impreso nun papel duro de cor rosa pau e semellaba un pergamiño. O curioso era que os xornais desa época só eran unha folla, nin máis nin menos.

Aprendemos cousas interesantes como por exemplo canto custa imprimir un xornal ou o prezo dun anuncio, que ronda entre trescentos e seiscentos euros.

Á hora da despedida a señora colleu una morea da bolsas nas que había un póster do noso equipo, o Celta, un vídeo das súas mellores xogadas, un mapa de Galicia e unha tarxeta identificadora de equipaxe.
O que máis me gustou foi a sala de máquinas, xigante, e os raís da máquina aparentaban unha montaña rusa. Dentro desa gran sala había uns rolos xigantes de papel que eran utilizados para a impresión dos xornais.

12/01/2016

Bo Nadal!

Yasmina Villar / 1º ESO C
---------------------------------
O Nadal é unha tradición que se celebra de diferentes xeitos dependendo do lugar do mundo no que nos atopemos ou da casa na que esteamos. Algúns prefiren pasar o Nadal noutro lugar e outros prefiren pasar esas datas nun ambiente familiar.
Os rapaces e rapazas esperan con ansia que termine o colexio e que comecen as vacacións, outros nenos e nenas esperan os agasallos...
Os nosos avós celebraban o Nadal de xeito moi distinto á actualidade: cantaban panxoliñas polas casas para recibir aguinaldo, asaban castañas, a decoración das casas eran moito máis simple que agora, non había Papá Noel, nin tampouco decoración de luces e árbore. Pero o que si había era o belén e as avoas preparaban doces de Nadal xa que non se mercaban nos supermercados.
O que máis me gusta do Nadal é que todos estamos en familia .

O Apalpador

Ana Rocha
--------------
O Apalpador, Apalpa-Barrigas ou Pandigueiro é a figura mítica dun xigante carboeiro ligado á tradición do Nadal. Existen testemuñas del nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares, aínda que se está a recuperar en toda Galicia.
O Apalpador baixa a noite do 24 ou do 31 de decembro, segundo a zona, para visitar os nenos, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, deixándolles unha presada de castañas (e se cadra tamén algún agasallo) e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura, murmurándolles "así esteas todo o ano".

09/12/2015

Preguntas curiosas

1º ESO C
---------------
1. Nunca vos parastes a pensar por que os osos e os pingüíns non conviven no mesmo territorio? Os osos polares habitan o polo norte e os pingüíns viven no polo sur debido a que entre os dous polos hai unha diferenza importante de temperatura. Os pingüíns teñen unha capa de graxa que recobre os seus corpos para que aguanten temperaturas máis frías e por iso no poderían sobrevivir no polo norte, onde vai máis calor.

2. Por que espirramos? O nariz filtra o aire que respiramos pero algunhas veces este aire esta sucio en exceso, con bacterias e virus. Iso fai que espirremos.

3. Por que nos poñemos vermellos ao sentir vergoña? Cando pasamos vergoña acelerase o ritmo cardíaco e isto provoca que se dilaten os vasos capilares da cara.

4. Por que a algunhas persoas as pican os mosquitos e outras non? Os mosquitos elixen ás súas vítimas en función do CO2 que emitan. Por iso as persoas altas, as mulleres embarazadas e os que estiveron facendo exercicio físico son o branco perfecto para esles.

5. Canto custa fabricar un euro ? As moedas de 1€ custa facelas 0,045 mentres que os billetes teñen un custo de entre 6 e 8 céntimos.

6. Por que representamos o corazón así ♥♥♥ se non se parece ao real? Atribúese esta forma á da folla dunha planta extinta chamada silphium.

 7. Aínda así, sempre haberá preguntas para as que non teñamos unha resposta clara. Porque, que foi antes, o ovo o a galiña?

18/11/2015

A miña semana preferida

Jimena Gil / 1º ESO C
------------------------------
A semana da froita consiste no reparto gratuíto de froita entre todo o alumnado do colexio.
Unha das diferenzas fundamentais entre primaria e secundaria é que dende 1º ata 6º a froita repartíase polas clases. Concretamente os que facían iso eran os de 6º porque eran os máis maiores, e tiñan que ser moi responsables. Os da ESO sempre a colleron nun posto preparado e vixiado por eles.
Hai tempo, cando nós eramos pequenos, nesta actividade había xente encargada de preparar batidos de froitas que estaban de para lamber os dedos.
Esta semana xa tomamos mandarina, mazá e pera, pero como aínda non rematou, falta por saber a froita que haberá o xoves e o venres, aínda que estamos seguros de que algún día tocará plátano.
As froitas teñen unha gran variedade e cantidade de vitaminas e minerais, sendo a principal a vitamina C. Hidratan o organismo rapidamente, axudan ao correcto funcionamento do aparato dixestivo, facilitan a drenaxe de líquidos xa que son diuréticas, teñen moita fibra e case ningunha ten graxas.
As miñas froitas favoritas son o plátano, o melón, a mandarina e os froitos vermellos. Hai moitos xeitos de comelas, sobre todo para a sobremesa: en macedonia, zumes, batidos, en doces, con chocolate... Mmmmm

O recreo en Stop Motion

Fixemos esta actividade porque vimos que os alumnos que xa pasaran polo antigo Obradoiro tamén fixeron un e interesounos moito. Eliximos executar este time lapse no recreo porque hai moito movemento e quedaría ben ao poñer as fotografías todas seguidas.
Houbo que facer moitísimas fotos, arredor dunhas 400,  para que o vídeo fose máis longo e máis entretido. Para iso subimos á aula máis alta do colexio, que é a de informática. Estivemos facendo fotos durante 25 minutos e quedounos o dedo dorido xa que nós utilizamos o disparo manual en vez do automático, para que todos colaborásemos na actividade. Para que a cámara estivera sempre no mesmo ángulo usamos un trípode e como broche final baixamos ao patio e a profe sacounos as últimas fotos do stop motion a todos xuntos.
Para poñer todas as fotos seguidas, e que haxa movemento coma se fose un vídeo, pódense utilizar programas como Open shot (para Linux), Imovie (para Appel) ou Movie Maker (para Windows). Para melloralo, puxémoslle unha canción que se chama “Rock del reloj”.
video

11/11/2015

A faceta de gaiteira da nosa profe Pepa

Ana Rocha/ 1º ESO C
--------------------------
Descubrimos que Pepa, a nosa profesora de Educación Física, toca a gaita. Quixemos facerlle esta entrevista porque nos sorprendeu moito que a ela lle interesara tanto a música. Soubémolo porque no blogue Primeiro Expreso aparecía unha foto dela tocando a gaita nun acto que se celebrou no colexio con motivo do Día das Letras Galegas. Aquí está o cuestionario ao que nos respondeu.

PREGUNTA: De onde vén o teu interese pola música?
RESPOSTA: A miña curiosidade débese a que algúns parentes tamén tocan algún instrumento.

P.: Onde aprendiches a tocar a gaita?
R.: Aprendín a tocar a gaita el Ferrol.

P.: Tocas nalgún grupo?
R.: Non toco en ningún grupo.

 P.: Tocaches algunha vez no colexio ?
R.: Si, toquei moitas veces en actos que se facían neste centro.

P.: Pódesnos explicar un pouco como é iso de tocar a gaita? É fácil ou difícil?
R.: Primeiro tes que aprender moi ben a tocar a frauta varios anos para coller soltura. É un pouco fácil e un pouco difícil.

P.: Porque escolliches este instrumento ?
R.: Porque teño familiares que tocan a gaita e pegáronmo.

P.: Algunha vez os teus alumnos preguntáronche polo teu interese sobre a música?
R.: A verdade é que non.

P.: Atreveríaste algunha vez a tocarnos algunha peciña?
R.: Si por suposto.

04/11/2015

Coñecendo a biblioteca

Mario Durán / 1º ESO C
-------------------------------------

O día 8 de outubro os alumnos de 1º da ESO fomos á biblioteca municipal coas profesoras de Lingua Galega.

Cristina, a bibliotecaria, explicounos como funcionaba esa biblioteca e animounos a facer o carné, aos que aínda non o teñan, pois é necesario ter un número de usuario para buscar un libro empregando o ordenador. A búsqueda faise por título ou nome do autor/a.
Para facer o carné necesitamos unha foto nosa actual e ir cos nosos pais para asinar un papel, xa que somos menores de 16 anos.
Na biblioteca hai unha sala específica para infantil e xuvenil con libros de todas as temáticias: aventura, historia, terror... Tamén hai cómics e películas. Podes coller prestados da biblioteca dous libros e unha película, ou tres libros. Os libros podes telos 15 días na casa e as películas 3 días.

18/10/2015

1º ESO C: para que nos coñezas máis.

Vera Bernárdez / 1º ESO C
-----------------------------------------
Este curso para nós comezou a LOMCE e tivemos que escoller unha materia optativa. E aquí estamos, estreando o Obradoiro de Expresión Escrita en Lingua Galega. Somos un grupo de cinco rapaces que este curso nos encargaremos do blog "Primeiro Expreso".  A todos nos gusta facer cousas no noso tempo libre.
A un gústalle moito o taekwondo e practícao dende 1º de Primaria porque cando entrou no colexio viuno no folleto de actividades extraescolares. Foi probalo e engancharse a esa actividade.
A outr@ encántalle xogar ao fútbol e lévao facendo dende os tres anos. Está no Erizana, que é o equipo de Baiona. Gústalle porque vai cos amigos e descarga moita adrenalina.
A outr@ tamén lle gusta o fútbol e practícao dende os tres anos, porque de pequen@ ía ver ao seu irmán adestrar e xogar partidos.
A outr@ gústalle correr, e faino dende sempre pero tamén sabe xogar moi ben ao balonmán. Ademais tamén le moito, sobre todo relatos de aventuras.
E a outr@ gústalle facer vela e está nun equipo de regatas co que gañou o campionato galego. Practica vela dende os oito anos e cando entrou no equipo gustoulle moito que o agasallaran cunha camiseta e un suadoiro do club. Faino porque se sente libre e encántalle o mar.