09/03/2012

Os profesionais do mar

O mar é a súa vida
Gabriel Álvarez / 1º C
-------------------------------------
A Illa de Arousa.Galicia.04.jpgGabriel Álvarez levántase  cedo, aínda que a hora non é sempre a mesma porque o seu traballo está condicionado polas mareas. Despois de almorzar vai ao peirao, colle o barco, unha embarcación pequena (catro metros de eslora), e adéntrase no mar. Pesca de todo: percebes, congros, xurelos…Pero antes de coller as súas presas ten que botar os aparellos  para  os peixes e  colocar as nasas para capturar marisco. A espera pode ser longa e aínda que ás veces vale a pena, outras non tanto.Sempre vai  só, excepto cando vai mergullar para coller bruños, centolas ou nécoras. É perigoso facer isto sen  un compañeiro que te poida axudar en caso de presentarse algún perigo.Tivo etapas nas que só  se dedicaba a pescar unha especie determinada,  pero agora colle de todo. Leva toda a vida de mariñeiro, comezou con sete anos co seu pai, que tamén tiña un barquiño.
É consciente do dura que é esta profesión, xa que é necesario moito esforzo físico para desempeñala, pero quizais o máis importante sexa o arriscada que é.

Toda unha vida no mar
Carla García /1º C
----------------------------------------------------
Xoán Leyenda Marcote naceu o 23-04-1923 en Baiona, ten 88 anos, pero falta pouco para que cumpra os 89. Casou o 16-01 1947, aos 23 anos, con Carolina Trigo Pereira (27-07-1925).
Tivo oito fillos: Manrique, José, Carolina, Laura, Juan, Guillermo, María de las Mercedes.
Actualmente está xubilado, pero dedicou toda a vida ao mar. O 17-07-2011 déronlle o premio ao pescador máis vello de Baiona, profesión que desempeñou desde os 11 anos.
O seu primeiro barco chamouse Carmen, ao que lle seguiron outros como: Charlot, José, Feluco...E algúns máis.
Xa non está en contacto co mar, porque leva tempo retirado; agora pasa horas na súa horta, pero prefire o mar. El sempre di que “naceu cos pés no mar”.
El pescaba: rodaballo, linguado, coruxo, centola, lagosta, lumbrigante, rubio, boi, escarcho, nécora, santiaguiño, ameixa, navalla, pancho, xurelo, lubina, castañeta... Todo isto pesacábao por Fisterra, Costa da Morte, Portugal, Porto do Son.
Cando ía mal tempo tiñan que volver a terra. Unha vez caeu ao mar e tiveron que axudalo a subir, caera a 70 brazos de profundidade, mentres pescaba sardiña na Costa da Morte.
Di que agora é máis fácil ser mariñeiro ca antes, xa que hai novas tecnoloxías que axudan, sobre todo na pesca de altura da que el gustou sempre máis.

"O malo era traballar día e noite"
Sabela Gallego / 1º A
--------------------------------------------
José Vicente Gallego Giráldez empezou a ir ao mar con trece anos. O seu primeiro barco chamouse Xosé Angel, porque el xa sabía como se ían chamar os seus futuros fillos. Ao primeiro púxolle José e ao seu segundo, Miguel Ángel; de aí o nome do barco. Estivo por moitos sitios, desde Bilbao ata Cabo Silleiro, e rodeou todo África. Pasaba cinco e seis meses seguidos no mar. O seu último barco chamouse “Albacora 15”.


Catro meses embarcado
Marina Gónzalez / 1º A
--------------------------------------
Luís González Rodríguez leva traballando no mar 29 anos. Gústalle o seu traballo pero é bastante difícil. É atuneiro e cada mes pesca 15000 toneladas. Pasa catro meses embarcado e el é o que cose as redes.
Traballou en once barcos diferentes e o primeiro deles foi o “Mar Diez”. O barco que máis lle gustou foi o “Intertuna Tres”.

06/03/2012

A nosa visita á ONCE

Abraham Soto/1ºC
-------------------------------------------------------------------------------------
O luns,  día 6 de febreiro,  os alumnos de relixión de Covaterreña fomos de excursión á
fundación da ONCE de Vigo para saber como é a vida dun cego  e sobre todo para coñecer como se expresan por escrito e como len,  por medio do código “braille”.
Primeiro presentáronnos a unha rapaza cega que nos explicou: as utilidades do  bastón, os obstáculos da vida diaria e o que temos que facer cando vemos a un cego.
Despois a súa profesora mostrounos como escribían os cegos na escola e comoutilizaban os ordenadores. Por último leváronnos a outra sala onde nos ensinaron algúns dos signos do código “braille”.
Grazas a iso comprendemos que a vida dun cego é moi difícil, por iso debemos concienzarnos de que temos que axudalos todo o que poidamos.
Que é a ONCE?
A sigla ONCE significa Organización Nacional de Cegos  Españois . Nela ensinan a nenos e adultos a ler e a escribir “braille”, a utilizar o ordenador, a esquivar os obstáculos cos que se atopan na vida diaria (coa axuda do seu bastón) e a convivir, moitas veces, cun can guía . Para isto necesitan moito diñeiro. Unha maneira de  axudar a que esta organización siga adiante é  vendendo cupóns, deste xeito  conséguese  que esta empresa, única en Europa, siga aí.

Profesores de Ciencias por un día

Rocío García e Laura Pousa / 1º ESO B
----------------------------------------------
O alumnado de 1º ESO B participou o pasado 13 de febreiro nunha interesante actividade de traballo colaborativo. A profesora de Ciencias Naturais Macamen Cerviño propúxolles que lles explicaran aos nenos de 3º Primaria o tema do universo que estudaran días antes.
Primeiro tiveron que buscar  información sobre os planetas, as eclipses, os asteroides, o Big Bang, as mareas, etc. Logo fixeron presentacións en Power Point, con fotos e vídeos. Estiveron practicando na clase para non ter vergoña e facelo ben pois estaban moi nerviosos e tiñan medo a equivocarse.
Uxía e Laura fixeron a súa exposición xuntas e os demais optaron por facelo individualmente. A pena foi que un compañeiro seu (Alex) non viñese ese día porque a súa exposición era moi boa e interesante.
Chegaron ao salón de actos antes cós nenos de 3º para preparar o ordenador e colocarse por orde.
Cando xa estaba todo a punto, chegaron os "seus novos alumnos".
Cada vez que remataban de explicar un tema os nenos facíanlles preguntas. Souberon responder á maioría delas, outras respondeunas a súa profesora. Cando acabaron o seu traballo sacaron fotos todos xuntos e o alumnado de 3º agasallounos con croissants.
Aos nenos gustoulles esta experiencia e para os novos profesores de Ciencias foi unha xornada inesquecible.

02/03/2012

O entroido no CPI Covaterreña

Uxía Penedo, Sandra Rodríguez e Mara Ferreira / 1º ESO
-------------------------------------------------------------
O pasado 17 de febreiro celebrouse no colexio a festa do entroido. A partir das once os alumnos disfrazáronse e despois tiveron un recreo especial. Logo concentráronse todos no patio principal para ir saíndo por orde cara ao Aral.
O tema elixido para este ano foi "Londres 2012".
O acto, presentado por Víctor, comezou coa entrega da antorcha olímpica na que estiveron representados todos os cursos do colexio. Despois desfilaron os nenos de Educación Infantil, que ían disfrazados de Garda Real Británica, e os do 1º ciclo de Primaria, que ían de deportistas. No 2º ciclo as profesoras transformáronse en Mary Poppins e o alumnado en limpadores de chemineas e no 3º ciclo había ximnastas, nadadoras, ciclistas coas súas propias bicicletas e futbolistas coa equipación de adestramento.
Entre o alumnado da ESO podíanse ver zombies, ratiñas, curas e monxas… así como grupos de zancudos e cabezudos. Tamén houbo moitos profesores que se disfrazaron e un grupo deles escenificou unha carreira das olimpíadas gregas.
Antes de volver ao centro todos bailaron coa música do coro e o conxunto instrumental.

Como se celebra noutras partes do mundo?

Carla Cividanes e Laura Ruíz / 1º ESO B
-----------------------------------------
O entroido é unha celebración, con data variable, que se fai antes da coresma cristiá e que combina elementos coma os disfraces, os desfiles e as festas pola rúa.
Os entroidos máis coñecidos do mundo son o do Brasil e o de Venecia.
Brasil: os centros máis importantes son as cidades de Recife, Salvador da Bahía, Río de Janeiro e Sao Paulo. No entroido brasileiro desempeñan un rol central as escolas de samba e os blocos, conxuntos moi elaborados de danza, música e canto, que desfilan polas rúas.
Venecia: os traxes que utilizan son característicos do ano 1750 e abundan as carautas brancas con roupaxe de seda negra e sombreiro de tres puntas. Despois de 1972 fóronse sumando outras cores aos traxes aínda que as máscaras seguen sendo, na súa maioría, brancas, prateadas e douradas.
En Galicia as festas máis coñecidas fanse na provincia de Ourense. Localidades coma Verín, Xinzo de Limia, Viana do Bolo ou Laza énchense de visitantes para ver en directo os choqueiros, peliqueiros, cigarróns, boteiros e pantallas.

25/02/2012

Titorial para facer un cómic no ordenador

Coa axuda do ordenador podes facer un cómic facilmente aínda que o teu non sexa o debuxo.
En internet atoparás diferentes programas que che axudarán a debuxar a túa banda deseñada. Un bastante xeitoso é www.pixton.com/es/ que, ademais de ser gratuíto, está dispoñible en español. Estes son os pasos a seguir:

1. Pensa unha idea orixinal.
2. Fai un bocexo dos debuxos e do texto que vas incorporar.
3. Rexístrate na web recomenda (este tipo de software libre sempre pide este requisito)
4. Escolle o número de viñetas que necesitas.
5. Pica nas diferentes iconas que aparecen nos laterais de cada viñeta para ir enchéndoas co escenario, personaxes, globos de texto…
É posible facer primeiros planos dos personaxes, colocalos en diferentes posicións, engadir obxectos e animais ao escenario, modificar cores por seccións, engadir liñas cinéticas, onomatopeas, etc.
6. É mellor que escribas o texto en Word e que o copies e pegues nos bocadillos do cómic xa que se o fas directamente non che admitirá os acentos.
7. Non te esquezas de gravar o que vaias facendo.
8. Terás o teu traballo rematado cando lle poñas o título.

E como unha imaxe vale máis ca mil palabras, aquí vai un exemplo para que te animes a facelo.


BOCEXO DE PARTIDA



RESULTADO FINAL














16/02/2012

No entroido, o marrucho é o rei das nosas sobremesas

Gabriel Álvarez, Anxo Rodríguez/1ºC
-----------------------------------------------------------------------------------
Os marruchos son unha das sobremesas tradicionais galegas, Filgueira Valverde dicía “ o noso manxar céltico sae moi ben parado, constituíndo un prato principal da identidade culinaria galega”. Ao longo do territorio galego podemos atopar distintas denominacións para esta lambetada tan rica e que presta a calquera hora. Como dicía, coñecémolos como: “filloa” (termo identificado por todo mundo, outro é “freixó” e aquí en Baiona recibe o nome de “marrucho”).
Da Candeloria ao Entroido, é tempo de marruchos e outras larpeiradas. En Baiona, tamén se consomen moito na festa local da Arribada.
 
A súa elaboración é sinxela, de feito, un rico marrucho faise a base de leite, ovo, fariña, manteca, canela e azucre. Todos estes ingredientes se poñen nun recipiente fondo e bátense ata conseguir unha masa homoxénea.
A continuación vaise collendo unha pequena cantidade desa masa e bótase nunha tixola ou filloeira, previamente untada de touciño ou manteiga, déixase facer por un dos lados para a seguir darlle a volta e facela por ese lado. Finalmente retíranse e vanse colocando nun prato. A hora de comelos podemos acompañalos de mel, mermelada, crema ou nata. Tamén se pode substituír o leite por sangue de porco.
Esta fina filloa ou marrucho ten grandes semellanzas coas famosas “crêpes” francesas , “pancakes” inglesas ou “pafunkuchen” alemás.

15/02/2012

O Reto Semanal premia aos seus participantes

Marina, Sabela, Noelia e Ismael / 1º ESO A
------------------------------------------------
No pasado trimestre o alumnado do Covaterreña participou no Reto Semanal organizado pola profesora de Matemáticas Andrea Piñeiro. Os participantes fixeron unha serie de probas semanais de lóxica e foron acumulando puntos a medida que resolvían os enigmas. A última das probas foi a máis difícil.
Foron moitos alumnos os que participaron nesta actividade, mesmo aqueles que non se aplican moito nos estudos.
O premio foi unha entrada de cine para cada un. Uns días antes da proxección a profesora reuniunos para darlles as entradas e o 25 de xaneiro xuntáronse para ver a película sorpresa. O salón de actos do Covaterreña converteuse nos “Covacines” ás 16.30 horas. Por fin descubriron o último misterio: a película que ían ver era “La habitación de Fermat“.
Os alumnos que conseguiron resolver máis dun reto gañaron unha entrada preferente con dereito a flocos de millo e bebida. O resto de asistentes sentaron  nos asentos traseiros.
A película durou dúas horas e pareceulles divertida. Conta a historia de catro matemáticos aos que reuniron nunha sala totalmente pechada e que teñen que resolver uns enigmas para que a sala non se encolla ata matalos. Os retos da película eran coma os que fixeran ao participar no Reto Semanal e iso gustoulles.
No primeiro posto desta edición quedou Manuel Otero de 1º ESO A e en segundo lugar está  José Luis Vilar de 1º ESO B.
Este mes xa deu comezo un novo reto, pero de tangram, un xogo da China que consiste en formar figuras con fichas.

11/02/2012

A actualidade vista por nós

Mirandés
Alberto Trapero/1ºC
--------------------------------------- 
O Mirandés, un sinxelo equipo de Miranda de Ebro, moi cerca de Burgos, está vivindo un soño do que non quere espertar. Xa o ano pasado quedou a un paso na final dos play-off de ascenso a Segunda División A, este ano é líder do seu grupo na 2ª B e é semifinalista da Copa do Rei, competición na que aínda pode xogar a final (aínda que o ten moi difícil), se a xogase, xogaría moi probablemente a copa de UEFA, estando na 2ª B ou na 2ª, dependendo do ascenso; algo que só conseguira o R.M. Castela. O Mirandés ten xogadores como Pablo Infante ou César Caneda entre outros; este último xogou UEFA Champions League.
Espertou dese soño. O seis de febrero o Mirandés quedaría eliminado da Copa polo Athletic de Bilbao tras perder 1-2, na ida e 6-2, na volta. Aínda así toda España está orgullosa do Mirandés.

Choque de xigantes
Gabriel Seoane/1ºC

-----------------------------------------------------------
O partido que enfrontou ao Valencia C.F e o F.C. Barcelona, rematou en táboas no partido de ida, 1-1 e aínda queda o partido de volta no Camp Nou; promete ser moi emocionante...
O Valencia adiantouse no marcador grazas a unha expléndida xogada entre Jordi Alba e Mathieu, pola banda esquerda Jonas estivo moi atento para mandar o balón dentro da portería de Jose Manuel Pinto. O Barcelona empataría o partido poucos minutos despois, a gran parada de Diego Alves, que mandou o balón ao reruncho, propiciou a xogada do gol. A mala saída do cancerbeiro valencianista e Puyol libre de marca rematou con comodidade. Na segunda metade, un penalti de Miguel Brito a Thiago Alcántara que tirou Leo Messi, pero parouno perfectamente Diego Alves.
Polémica: a man clara de Pinto, fóra da area, sería a expulsión do gardameta blaugrana.

Onda de frío
Mara Ferreira/1ºC
----------------------------------------------------
No día de onte, 2 de febreiro,  a onda de frío siberiano entrou con forza na península Iberica, aínda que non coa intensidade de como o fixo no centro de Europa.En Siberia e Centroeuropa houbo máis dun cento de mortos por culpa do frío.
Todas as estradas de alta montaña están cortadas por risco de accidentes, polo xeo e a neve. En países de Centroeuropa teñen que improvisar albergues para as persoas sen teito.
En España, a comunidade máis afectada é Cataluña, xa que moitos escolares  sen clase.
Outras comunidades como Navarra, País Vasco, Castela – León;  tamén están a sufrir o frío. Aquí en Galicia salvámonos deste frío extremo, aínda que as temperaturas baixaron de cero graos en Ourense e Lugo.

07/02/2012

Baiona, a nosa vila

Alberto Coello, Sabela Barra, Jose Barra, Juan Pereira e Estíbaliz Vidal / 1º C
-----------------------------------------------------------------------------
Baiona é unha vila mariñeira do sur de Pontevedra, concretamente sitúase no Val Miñor.  Nesta pequena vila, podes pasar uns días marabillosos paseando polas nosas rúas, visitando os nosos monumentos e edificios emblemáticos, tomando un baño nas nosas praias ou, como non, saboreando unha rica comida regada dun bo viño. Por isto  invitámoste a vir a esta localidade.  Aquí ofrecémosche un pequeno aperitivo do que podes atopar

O casco vello. É un bo sitio para pasar un gran día de lecer.  Nel atopamos moitas casas antigas de pedra con portalóns, o concello e o convento.
Dá cobiza ver os escaparates dos restaurantes, así que  podemos comer un bo prato de marisco  galego ou beber un saboroso viño da terra.
A parte dunha boa oferta gatronómica,  non desmerece o ambiente co que te podes atopar, sobre todo nas festas e  no verán.
Despois de comer ,  para gastar unhas cantas calorías,  podemos   dar un pequeno paseo. Temos dúas opcións: ir cara arriba e aquí atoparemos dúas igrexas: A Colexiata,  de estilo Románico e de gran beleza e Santa Liberata, máis modesta, pero digna de ver.
A segunda opción é coller cara a ribeira, aquí atoparás un longo paseo que poderás andalo ou non, sería bo ver as forzas coas que contamos.
Parador
Seguindo ese paseo e,  ao día seguinte,  podemos  achegarnos ao Parador. Este é un dos mellores de España. Ten tres quilómetros de muralla e foi construído no século XIV. No século XVIII,  foi residencia do conde de Gondomar.
Metade fortaleza medieval, metade pazo galego, o parador ocupa a península de Moterreal, un espléndido mirador sobre o océano, rodeado por un monte.
Calquera visitante pode acceder ao recinto a través dun carreiro que rodea toda a muralla.
Praia Ribeira
Seguindo co noso paseo pasamos por diferentes praias, así que o terceiro día podemos disfrutar dun día de praia.   Hainas con rochas como a Concheira e Os  Frades. Son as máis occidentais, con abundantes rochas ,  area grosa e cunha agua rica en iodo. Ao comezo do paseo marítimo atopamos a  praia da Ribeira. É a máis tranquila e céntrica. Con area fina e próxima ao club de iates. Se continuamos polo paseo chegamos as praias máis afastadas do centro, Santa Marta: areal pequeno,  pero moi tranquilo e próximo a unha pequena capela que lle dá o nome á praia. Por último chegamos á praia da Ladeira. É a máis extensa e con forma de aba de mantaña de aí quizais deriva o seu nome.

Praia Ladeira

Tamén aproveitando unha hora libre, podemos achegarnos ata o porto deportivo,  á beira do paseo , e visitar a carabela Pinta. Replica da auténtica embarcación que participou no descubrimento de América e despois dese feito,  chegou coa nova a Baiona ao mando duns dos irmáns Pinzón.  Esta réplica funciona como museo no que podemos ver algúns dos produtos que trouxeron das terras americanas.

Un último día, podemos aproveitalo para visitar un  monumento  emblemático. A Virxe da Rocha.  Monumento construído polo famoso arquitecto porriñés, Antonio Palacios. Esta colosal Virxe está construída en granito, excepto  a cara e as mans que son de mármore.
Mide 15 metros e nas mans sostén un barca que serve de mirador ao que se accede por unha escaleira de caracol interior.  Foi inagurada en 1930, a pesar de que o resultado final non foi o que estaba no proxecto.
Este monumento está no monte Sansón, desde o cal se pode contemplar unhas preciosas vistas. O océano Atlántico, as illas Cies e o parador. Podemos tamén aproveitar o día para facer unha comida campestre,  xa que preto da Virxe hai mesas e bancos e incluso asadeiros para  facer un bo churrasco.

30/01/2012

Un alumno de 1º de ESO pesca un congro de 28 quilos

Yolanda Domínguez, Carla Cividanes e Laura Ruíz / 1º ESO B
---------------------------------------------------------------------------------
 O 19 de xaneiro pola tarde Javier Fernández Pousa, un dos estudantes de 1º de ESO do CPI Covaterreña, e o seu pai Campio Fernández capturaron un congro que pesou 28 quilos e mediu 2,20 metros.
Este peixe tan peculiar pescárono na doca de Baiona cun tubo, unha corda e un anzol. De carnada puxeron sardiña fresca.
Para sacar o peixe foron necesarias tres persoas: Javier, Campio e un home que pasaba por alí e se ofreceu a axudalos xa que o congro facía forza e enganchábase nas pedras. Tiveron moito coidado ao sacalo pois o congro é un peixe moi perigoso e pode arrancar ata unha man se a morde. Souberon que o congro era macho polo tamaño da súa cabeza.
Despois de pescalo levárono para a súa casa e vendérono por toros aos seus amigos.
Un home avisou á prensa e diversos medios publicaron esta noticia. O noso compañeiro tivo un pouco de vergoña cando o entrevistaron pero ao mesmo tempo sentiuse contento e orgulloso por pescar un congro tan grande.
Dende hai dous anos Javier acompaña ao seu pai a pescar congro, barbada, maragota ou pinto. Afirma non dedicarlle moito tempo a esta afección pois prefire andar en bici ou en moto.
Javier contounos que non esquecerá nunca esta experiencia.