29/11/2011

Máis ordenadores do proxecto ABALAR para as aulas

Entrevista a Adela Mirás, directora do CPI Cova Terreña
Alumnado 1º ESO B / Baiona
---------------------------
Este curso os rapaces de 1º ESO incorpóranse ao Proxecto ABALAR con ordenadores que os axudarán nos estudos e mellorarán as competencias.
Para resolver as súas dúbidas, o pasado 18 de novembro fixéronlle esta entrevista a Adela Mirás, directora do seu colexio.

Pregunta- Cando cres que virán  os ordenadores?
Resposta- Os ordenadores xa chegaron ao centro. Estes días están instalándoos en 5º e o luns xa o fan en 1º de ESO.

P.- Que tipo de ordenadores son e que características teñen?
R.- Son Netbooks plegables cunha pantalla xiratoria. O sistema operativo que utilizan é Ubuntu.

P.- Ademais dos ordenadores, vai vir outro tipo de material?
R.- Tamén veñen pantallas dixitais, carros cargadores e altofalantes para o carro.

P.- Van poñer máis enchufes para poder traballar?
R.- Non porque o carro xa é o cargador deles e teñen autonomía para poder traballar toda a mañá.

P.- Cada alumno vai ter sempre o mesmo ordenador?
R.- Si, cada ordenador é de uso persoal e o alumno faise responsable del durante todo o curso, ademais de ocuparse de poñelo no carro cargador.

P.- Haberá que pagar por usalo?
R.- Non, xa pagamos impostos para, entre outras cousas, ter un ensino de calidade.

P.- Poderanse levar os ordenadores para a casa?
R.- Non se van poder levar para que non vos esquezades de traelos cada día e para que non lles pase nada. Ademais, case todos, por non dicir todos, tedes ordenador nas vosas casas.

P.- Poderemos gardar os nosos arquivos neles?
R.- Si pero haberá profesores que prefiran que os gardedes nun pen para que poidades levar o traballo para a casa.

P.- Encenderemos os ordenadores á primeira hora da mañá e apagarémolos á saída ou haberá que facelo entre clase e clase?
R.- Iso dependerá do profesor e do uso que queira facer deles cada día.

P.- Poderanse descargar aplicacións?
R.- Non, para descargalas ten que dar permiso a Xunta.

P.- Poderemos visitar todas as páxinas web ou o sistema non nos deixará entrar nalgunhas?
R.- Poderedes acceder a internet sen ningún problema e visitar páxinas que nos sirvan para aprender como por exemplo enciclopedias dixitais, mapas interactivos… Pero o profesor vai ser o que vos guíe e vós tedes que cinguirvos ao traballo que vos pida.

P.- Con tantos ordenadores conectados á rede, non se sobrecargará o sinal de internet?
R.- Espero que non, o colexio está preparado para que iso non pase e esta aula, por exemplo, colle o 73% de sinal.

P.- Que ocorre se se rompe algún ordenador accidentalmente?
R.- Se se estraga ou o ataca algún virus o centro encargarase de arranxalo.
Se se rompe por tratalo mal, o culpable terá que someterse ás normas establecidas polo centro.

P.- Cres que os alumnos respectarán as normas de uso?
R.- Eu creo que si porque sodes uns rapaces responsables. Os que veñen de fóra sorpréndense do coidado que está todo e iso débese a que vós o coidades e a que Víctor está atento para amañar axiña calquera desperfecto.

P.- Pensas que os ordenadores acabarán substituíndo ó libro de texto?
R.- Non, aínda que iso dependerá de cada profesor. Ábrense moitas portas con isto pero non debemos esquecer que a cabeza é a ferramenta principal que temos.


Sem comentários:

Enviar um comentário