10/04/2013

O meu é...

A VELA

Javier Fdez Santodomingo / 1º ESO A
--------------------------------------
Vou á Escola de Vela dende hai tres anos. Alí estamos máis de cincuenta nenos e nenas. Ao principio practicas cun optimis, que é un barco moi pequeno, pero a medida que vas collendo máis experiencia vas probando outros barcos máis grandes coma o cadete, o 420, o láser...
Ás veces é un pouco aburrido porque hai alerta meteorolóxica, pero os días con sol e vento son os mellores. O malo é que só adestro un día á semana, de catro a seis e media da tarde.

 

A MÚSICA

Raquel Domínguez / 1º ESO A
-----------------------------
Eu toco a frauta traveseira na Banda de Música de Belesar dende hai máis de 5 anos. Este instrumento é moi complicado pero ensaio dous días por semana para facelo o mellor posible.
Toco nas dúas bandas: a xuvenil e a maior. Na maior hai máis nivel e máis instrumentos, pero a xuvenil serve para motivar os músicos que acaban de empezar, para aprender e así algún día poder entrar na Banda Maior. Para formar parte desta, os músicos teñen que pasar unha proba para demostrar que están preparados. Eu este ano xa estou nela.
A distribución dos músicos e instrumentos é a seguinte: na primeira fileira están situados os óboes e as frautas, detrás están os saxos, logo os violoncellos, a tuba, o bombardino, as trompas e as trompetas, e máis aló están os instrumentos de percusión.

Betty López Simoes e Ana Quintas Abia / 1º ESO A
-----------------------------------------------
Imos á Escola Municipal de Música de Baiona dende hai catro ou cinco anos. Alí aprendemos solfexo, e  a tocar a batería, o xilófono, o violín e a guitarra.
Como na maioría de centros de ensinanza, a temporada de clases comeza en setembro e remata en xuño. Esta escola está na Praza da Pedro de Castro, no edificio no que antes estaba a Casa do Concello, porque o lugar no que estaba antes estano reformando.
Hai clases de piano, percusión, violín, guitarra, saxofón, trompeta, frauta traveseira, clarinete...
Tamén ensinan linguaxe musical e música e movemento para os máis pequenos.

A FOTOGRAFÍA

Guillermo Naharro / 1º ESO B
-------------------------------
Eu sei algunhas cousas sobre fotografía. A maioría aprendinas do meu pai e dun curso de fotografía chamado "Trípode".
Aprender fotografía é complexo, posto que hai que fixarse na luz, no encadre... Tamén hai varios modos de disparo: automático, o máis usado; paisaxe, para paisaxes e obxectos fixos; retrato, úsase para fotografar as persoas; semiautomático, para axustar o tempo de apertura e o diafragma; e o disparo manual, que se usa axustando todos os controis.

O BAILE

Moisés Alonso / 1º ESO A
----------------------------
Eu estou aprendendo baile moderno. Ademais de pasalo moi ben, fago exercicio sen darme conta. Bailamos cancións de todo tipo, pero sobre todo as que teñen marcha.
Vou á escola de baile “Galicia en danza” e só neste último ano gañaron 60 primeiros! A escola está aberta a todo o público maior de 3 anos e ensinan predanza e preballet para os pequenos, moderno, clásico, contemporáneo e hip hop .

O FÚTBOL

Juan Luís Jesús / 1º ESO A
---------------------------
Eu xogo no Rácing Vilariño. Adestro tres veces á semana e facemos exercicios que me gustan moito como por exemplo tiros a porta, circuítos, partidillos... Cada fin de semana xogamos contra un equipo diferente.
Somos 16 no equipo e todos nos levamos moi ben.

Sem comentários:

Enviar um comentário