29/01/2015

A pesca submarina, un deporte diferente

Daniel Vidal / 1º ESO A
------------------------------
A pesca submarina é o meu deporte favorito. Consiste en capturar peixes somerxéndote baixo da auga sen axuda de bombonas de aire. Practicalo non é tan doado como parece xa que os peixes con calquera mínimo son ou ruído, espántanse e foxen.
Para fecernos máis fácil o labor utilízase un fusil ou arpón de gomas ou aire comprimido. O mecanismo é moi simple: as gomas estíranse ata a barra afiada e unha peza interna impide que saia disparada. Ao mover cara a atrás o gatillo, a peza móvese e deixa saír a barra. Tamén levamos posto un traxe de neopreno xa que o mar está moi frío, lentes de mergullo, tubo de silicona para poder respirar mirando abaixo e non ter que sacar a cabeza, un puñal no nocello para cortar as redes ou cordas nas que poidamos quedar enleados, unha boia para sinalizar a nosa posición no mar e protexerse dos barcos e motoras, percha, que é un fío cunha punta nun estremo para gardar o peixe, e unha rede para gardar os peixes de pel moi dura e os crustáceos.
Hai xente que se adica a isto profesionalmente, como Pedro Carbonell, que gañou varias veces o campionato do mundo. É capaz de baixar 40 metros ou máis e entre as súas mellores capturas están os atúns, congros e peixes espada.
Este deporte apaixóname xa de ben pequeniño. Chamoume a atención porque eu ía todos os días ao mar a bañarme e esperaba polo meu curmán, que ía facer mergullo,e cando volvía rogáballe que me deixara acompañalo. A miña primeira inmersión foi con el da man.

Sem comentários:

Enviar um comentário